Embudes para a recollida de aceite / Concello de Arteixo
O concello de Arteixo iniciará nos próximos días unha campaña de concienciación para fomentar a recollida de aceite usado entre a veciñanza que incluirá a distribución de 15.000 embudes deseñados para facilitar a súa correcta separación.
Segundo explica nun comunicado, os embudes repartiranse de forma gratuíta en actos públicos como a Feira do Galo de mañá e na comida de maiores do domingo 18. Xa o luns 19 a campaña ‘Que non che esvare o aceite!’ chegará ás escolas unitarias rurais e o martes 20, ao CEIP Arteixo.
Este novo proxecto súmase ás actuacións xa emprendidas polo equipo de goberno para a xestión responsable e sostible dos residuos municipais, como as actuacións de compostaxe doméstica realizadas o pasado verán, inciden desde o Consistorio.
Un litro de aceite pode contaminar máis de 1.000 litros de auga
En Arteixo, a recollida do aceite usado realízase a través dun acordo coa organización sen ánimo de lucro Mulleres Colleiteiras a través de contedores especiais para aceite repartidos por todo o municipio. Neles pódense depositar os aceites xerados na preparación de diferentes alimentos que, após o seu tratamento, convértense en biodiésel.
Hai que lembrar que a recollida selectiva do aceite doméstico é fundamental para manter limpas nosas augas, xa que ao verter un litro de aceite tirado polo desaugadoiro pode contaminar máis de 1.000 litros de auga, remarcan desde o Concello.
O obxectivo final desta iniciativa é fomentar a recollida selectiva e posterior reciclaxe dos residuos domésticos de aceite vexetal, aumentando así a porcentaxe de valorización dos residuos municipais.