A depuradora de Bens, na Coruña, pioneira na produción de hidróxeno verde

A depuradora de Bens, na Coruña, pioneira na produción de hidróxeno verde

Unidade mixta de gas renovable da EDAR de Bens / Concello da Coruña.

As instalacións da Estación Depuradora de Augas Resiudais (EDAR) de Bens comezarán a producir hidróxeno verde a finais deste mes. Así o anunciou a concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña, Esther Fontán, no transcurso dunha xornada técnica da Unidade Mixta de Gas Renovable, unha iniciativa conxunta de Naturgy, o centro tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens, a empresa pública supramunicipal que depura as augas residuais da Coruña e a súa contorna.

Segundo explicou Fontán, a finais deste outono entrou en funcionamento unha nova turbina que aproveita o caudal do emisario para a xeración de enerxía eléctrica coa que producir hidróxeno verde, un dos gases renovables con maior proxección a escala global. Grazas a esta actuación, a depuradora da Coruña será a primeira de Galicia en producir hidróxeno verde aproveitando os seus propios recursos e empregando o electrolizador, xa instalado para completar o proceso.

«Estimamos que a EDAR de Bens comezará a xerar hidróxeno verde a finais deste mes», indicou a titular de Medio Ambiente, que valorou a utilidade deste gas para mesturalo, por exemplo, con biometano (que se produce en Bens froito do procesamento dos residuos e que se inxecta xa na rede comercial), mellorando a capacidade enerxética deste último.

Combustible para transporte

Por outra banda, poderá empregarse como combustible. «Coa capacidade da EDAR para producir este hidróxeno estimamos que se podería subministrar de combustible a dous autobuses urbanos», detallou Fontán, que puxo a EDAR como exemplo do fomento por parte do Concello das enerxías limpas e renovables, «unha aposta de futuro para gañar autonomía enerxética», destacou.

A EDAR podería subministrar hidróxeno verde a dous autobuses urbanos

Durante a xornada técnica, Fontán estivo acompañada polo director xeral de Edar Bens, Carlos Lamora; o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, Francisco Conde; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argirey; o director de Innovación de Naturgy, Jesús Chapado; e o director xeral de EnergyLab, Fernando Val, entre outras personalidades.

A EDAR de Bens é, desde xaneiro de 2022, a primeira planta de tratamento de augas residuais de España en inxectar biogás na rede comercial de distribución, obtido mediante un sistema de membranas no tratamento dos residuos que chegan á estación de Bens. Actualmente, a planta produce 60 Nm3 á hora, o que en termos comparativos sería equivalente ao consumo de mil familias.

Cabanas explora a creación dunha comunidade enerxética local

Cabanas explora a creación dunha comunidade enerxética local

As comunidades enerxéticas favorecen o aforro e a eficiencia / IDAE.

O Concello de Cabanas, a través da súa área de Medio Ambiente, vén de convocar unha asemblea para explorar a posibilidade de constituír unha comunidade enerxética na parroquia de Laraxe. A cita será o vindeiro venres, 13 de xaneiro, ás 20 horas no Local Social desta parroquia.

Segundo explica o concello nun comunicado, o obxectivo desta convocatoria é explicar os pormenores das comunidades enerxéticas locais ─unha agrupación voluntaria de persoas, empresas e institucións que se asocian para xerar, distribuír e compartir enerxía renovable─ e coñecer canta xente podería estar interesada na iniciativa para saber se esta é viable, como paso previo á súa creación.

«Queremos explorar a posibilidade de crear unha comunidade enerxética local, unha opción que permite crear un modelo enerxético máis social, máis sostíbel e que ademais permite reducir a factura da luz até 30% por fogar de media», destaca o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela.

«Comezariamos pola parroquia de Laraxe, dado que a súa distribución, densidade e orientación fana particularmente propicia para este fin», explica Varela, quen apunta que, de resultar unha iniciativa viable, o seguinte paso sería a creación dunha asociación que daría forma á comunidade, para pasar despois a deseñar os primeiros proxectos de xeración de enerxía.

As persoas interesadas en participar, ademais de asistiren á asemblea, poden enviar os seus datos a través deste formulario habilitado polo Concello.

O CEIDA crea ‘Clorofila’, un clube de lecturas verdes

O CEIDA crea ‘Clorofila’, un clube de lecturas verdes

Castelo de Santa Cruz (Oleiros), sede do CEIDA / Xoán Roberes.

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) ten previsto pór en marcha neste 2023 un clube de lecturas verdes que levará por nome ‘Clorofila’. Esta será unha das actividades programadas pola Biblioteca e Centro Documental Domingo de Quiroga, que ten a súa sede nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, no concello de Oleiros.

Segundo informa a institución nun comunicado, o Clube de Lecturas Verdes Clorofila pretende ser unha invitación para achegarse á natureza a través da literatura. «Xa sexa dende a narrativa ou do ensaio, este clube pretende dar a coñecer obras de temática ambiental para explorar o mundo que nos rodea, creando un espazo para a conversa e o intercambio de ideas, unha chamada á acción a través da lectura».

O novo clube de lectura está aberto a todas as persoas ás que lles guste ler. «Non buscamos un público experto nin comentarios especializados. Todo o mundo é benvido! Só precisamos persoas dispostas a compartir con nós as súas impresións tras a lectura das obras propostas».

En cada convocatoria, o grupo de lectura ofertará 12 prazas por sesión. As persoas interesadas só terán que anotarse e recoller un exemplar do libro, que sempre atopará dispoñible en préstamo na nosa biblioteca verde.

«Non buscamos público experto nin comentarios especializados. Todo o mundo é benvido!»

Clorofila, que forma parte do clube de lecturas da Red de Centros de Información e Documentación Ambiental (RECIDA), «é sobre todo un espazo para coñecernos e gozar das lecturas verdes, para o diálogo colectivo, para compartir, para falar de forma distendida e poñer en común temas ambientais e sociais que nos afectan a todos», destacan desde o Ceida.

El sonido de un caracol salvaje al comer, de Elisabeth Tova Bailey (Capitán Swing, 2019) é a lectura escollida para a primeira sesión, que terá lugar na sede do Centro de Documentación Ambiental o vindeiro 31 de xaneiro ás 19 horas. 

Como explican desde o Ceida, o feito de pertencer ao clube de lecturas de RECIDA fai que a maior parte dos títulos estean escritos en castelán. Porén, aseguran que tratarán de incluír obras en galego.

Narón reparte embudes no Pazo da Cultura para a recollida de aceite usado

Narón reparte embudes no Pazo da Cultura para a recollida de aceite usado

Pazo da Cultura / Concello de Narón.

O Concello de Narón, ao igual que fixo nas últimas datas o de Arteixo, leva a cabo estes días unha campaña para fomentar a reciclaxe do aceite usado de cociña, evitando así que este residuo contamine milleiros de litros de auga potable.

En concreto, segundo informa o Consistorio nun comunicado, habilitarase un ‘stand’ no Pazo da Cultura de Narón no que se repartirán hoxe e mañá embudes ás persoas interesadas para facilitar a recollida do aceite de cociña.

O edil de Servizos, Ibán Santalla, explicou que esta tarde se poderán recoller en horario de 16.00 a 18.00 horas e mañá desde as 11.30 até as 13.30 horas e de 15.30 a 19.30 horas pola tarde.

Somos parte da nosa cidade. Codémola!‘ é o lema desta campaña, que se desenvolve conxuntamente coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia do Goberno español, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU, tal e como recordou Santalla.

Chamada á participación

Dentro da mesma campaña, o Concello editou un material informativo no que dá conta dos beneficios de reciclar aceite usado e dos efectos no medio dunha inadecuada xestión deste residuo. Tamén facilita instrucións para a súa correcta separación.

Desde o Concello animaron á cidadanía a implicarse nesta iniciativa, recollendo os aceites de cociña usados para depositalos posteriormente nos contedores de aceite ubicados en diferentes puntos da vía pública, no Punto Limpo do polígono de Río do Pozo e nos puntos limpos de proximidade que se habilitaron en barrios da zona urbana.

Información sobre a reciclaxe de aceite / Concello de Narón.

O Concello de Cabanas alega contra o plan xestor das Fragas do Eume

O Concello de Cabanas alega contra o plan xestor das Fragas do Eume

Fragas do Eume / Concello de Cabanas.

O Concello de Cabanas vén de presentar as súas alegacións e suxerencias ao documento de modificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e de aprobación do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, en exposición pública até o próximo 29 de decembro.

Desde o Concello denuncian a «demora e inacción» que caracterizaron o proceder da Xunta de Galiza na tramitación do necesario instrumento que regula os usos e a xestión deste espazo protexido, que ocupa algo máis de 22% do conxunto do territorio do termo municipal de Cabanas, e solicitan unha exposición pública «adaptada ao perfil das persoas afectadas», que inclúa a realización de reunións e actos presenciais nos que se poidan resolver dúbidas.

O PRUX das Fragas do Eume sometido a exposición pública propón unha zona de reserva ─a de maior protección─ de 3,63% do total da extensión do Parque Natural, o que non só supón unha redución de 8% (24,46 hectáreas menos) respecto á normativa actualmente vixente, senón que tamén resulta pouco ambiciosa nun documento que pretende servir para a protección do medio natural.

O Concello de Cabanas pide á Xunta que convoque a veciñanza para resolver dúbidas sobre o Plan Reitor de Uso e Xestión das Fragas do Eume.

«Entendemos a redución da superficie de reserva como unha falta grave con ausencia de motivación, e un claro retroceso desde o punto de vista da conservación dun entorno con tan altos valores ambientais», sinala o tenente alcalde e responsábel da área de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela.

Mecanismos de compensación

Nas súas alegacións, o Concello de Cabanas tamén denuncia a ausencia de mecanismos de compensación para as persoas propietarias afectadas polos cambios nas políticas forestais e as prácticas que se veñen desenvolvendo no interior das Fragas do Eume, e lembran que o Parque está principalmente en mans privadas (80% do territorio), onde tamén predomina o minifundismo.

«Os cambios na política forestal no interior do parque conlevan unhas consecuencias económicas que non poden recaer sobre as e os pequenos propietarios», critica Varela, quen pediu «que se establezan mecanismos de compensación, incluíndo tanto pagos directos como a financiación e desenvolvemento de iniciativas de custodia do territorio».

Falta de recursos

A falta de recursos económicos e de persoal é outro dos aspectos aos que alega o Concello de Cabanas, xa que o proxecto de Decreto conta cun programa económico ao que se lle asignan para os próximos 10 anos 2.007.000 euros, o que supón uns 200.000 euros anuais, cifra semellante á que actualmente está destinada á xestión do Parque. Tampouco considera o proxecto de PRUX das Fragas do Eume un incremento no cadro de persoal.

Para o Concello, o feito de que o orzamento sexa o mesmo que vén aplicándose na actualidade, dificilmente poderá dar cumprimento aos numerosos obxectivos e directrices fixados no plan, orientados á mellora do coñecemento científico do parque, a conservación do patrimonio cultural, a mellora da diversidade, a aposta pola educación ambiental, a substitución das masas de eucalipto, o incremento da vixilancia ambiental… e un longo etcétera.

«A Xunta propón neste PRUX unha asignación anual por hectárea do Parque Natural das Fragas do Eume de 22,11 euros, lonxe dos 254 euros por hectárea que asigna, por exemplo, para o proxecto de PRUX do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán», apunta o concelleiro, quen tamén instou a «reconsiderar o incremento do cadro de persoal» para que este poida afrontar con solvencia os novos obxectivos establecidos.

Outras alegacións

O Concello de Cabanas tamén presentou alegacións nas que pide a incorporación ao visor cartográfico das parcelas información sobre a propiedade pública e privada das mesmas, o que permitiría ter unha «perspectiva global do Parque» de cara a poder incentivar medidas de adquisición de terreos por parte das diferentes administracións, así como tamén unha aclaración sobre os usos non previstos, co fin de evitar situacións de inseguridade xurídica.

Galicia reduce as emisións contaminantes nas últimas décadas mais segue sen ter un aire limpo

Galicia reduce as emisións contaminantes nas últimas décadas mais segue sen ter un aire limpo

Vista da central térmica de As Pontes / Endesa.

Os datos oficiais recollidos polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) no seu informe sobre as emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020) constatan «importantes descensos» nas emisións de gases acifidificantes, gases precursores de ozono e partículas finas entre 1990 e 2020. Porén, apuntan, «aínda son insuficientes para garantir un aire limpo».

O informe, con datos extraídos do inventario español do Ministerio para a Transición Ecolóxica, evidencia que as emisións de contaminantes atmosféricos baixaron en maior medida que as de gases de invernadoiro. Os únicos contaminantes atmosféricos que non reduciron a súa presencia foron o metano e o amoníaco.

No que atinxe ás emisións de gases acidificantes, estas reducíronse 81% en 2020, e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo, 42% en comparación con 1990. Pola súa banda, as de partículas finas baixaron 46% en relación a 2000.

A redución das emisións contaminantes aínta é insuficiente para garantir un aire limpo

Respecto ás emisións de gases de efecto invernadoiro, minguaron 36% con respecto a 1990, lonxe aínda do obxectivo de 65% que se debería acadar en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París, apuntan desde o OGACLI.

Considerando individualmente os contaminantes, destaca o descenso en 98% das emisións de óxidos de xofre e en 59% das de monóxido de carbono. Pola contra, medraron as emisións de metano e de amoníaco, 8% e 5%, respectivamente.

Tecnoloxía e transición enerxética

O informe do OGACLI destaca que detrás destas melloras nas emisións están os avances tecnolóxicos e o proceso de transición enerxética cara sistemas de renovables. Neste senso, apuntan como principal causa do descenso durante as últimas décadas á substitución do carbón na xeración eléctrica e melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e centrais de carbón.

O sector que máis contribuíu no noso país á diminución das emisións á atmosfera foi o enerxético. As súas emisións de gases acidificantes descenderon 99%; as de precursores do ozono, 91%, e as de gases causantes de cambio climático, 78%, sempre en relación aos valores de 1990. Ademais, reduciu as emisións de partículas finas 95% entre 2000 e 2020.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é na actualidade a maior fonte de contaminantes atmosféricos.

O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2020 a principal fonte de gases acidificantes (59% das emisión totais), mentres que o transporte e a maquinaria móbil liderou as emisións de gases precursores do ozono malo (41%). No tocante ás partículas finas, a combustión non industrial (principalmente doméstica) foi a maior fonte (42%).

Respiramos aire sucio

A diminución xeral das emisións de contaminantes atmosféricos axudou a reducir as concentracións de contaminantes no aire que respiramos (niveis de inmisión). Porén, sinalan desde o Observatorio, «toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde, segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis esixentes que a normativa legal en vigor. Isto é debido principalmente aos niveis excesivos de partículas finas e de ozono troposférico que, en diversa medida, afectan tanto a Galicia urbana como a rural».

Toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde

Así, conclúen, «tanto para mellorarmos a calidade do aire como para combatermos a emerxencia climática, urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais».