Río Barcés / UDC
O río Barcés comunica o lago de Meirama e o río Mero, do que “beben” moitos dos concellos da área metropolitana da Coruña. A Universidade da Coruña (UDC), dentro da Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable e co apoio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, vén de presentar hoxe a segunda parte dun estudo na que chama a atención sobre a necesidade de actuar neste espazo fluvial.
En concreto, as persoas expertas que participaron na elaboración do documento propoñen medidas como a mellora da conectividade do río, a limitación das vías de entrada para especies invasoras ou a limitación do uso forestal e da presión agrícola como actuacións prioritarias.
Na mesma liña, suxiren o reforzo da cobertura arbórea do bosque de ribeira, favorecendo a segunda ringleira en tramos dunha liña e formando zonas núcleo restaurando bosque nos meandros do río, un patrón de nodos e conectores que favorezan a conectividade.
Os bosques de ribeira como o Barcés son formacións naturais que actúan como elemento protector e regulador para moitas especies sensibles e procesos ecolóxicos, e achegan servizos ecosistémicos esenciais como servir de filtro de contaminantes, previr avenidas e regular a calidade da auga limitando o quecemento. Ademais, o bosque de ribeira ten un gran valor paisaxístico, recreativo e cultural.
O estudo, presentado hoxe, Bosque de ribeira do río Barcés, un proxecto de futuro, financiada pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable, coordinada pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e desenvolvido polo equipo da UDC baixo a direción das investigadoras María José Servia e Jaime Fagúndez.
O bosque de ribeira ten un gran valor paisaxístico, recreativo e cultural
Comezou no ano 2021 cunha primeira fase de estudo do bosque de ribeira, o seu estado de conservación e posibles problemáticas ambientais que puidesen reverterse, mentres que esta segunda parte centrouse na avaliación do seu estado ecolóxico.
Especies invasoras
Nesta segunda fase, os traballos de prospección detectaron no curso do río diferentes problemas asociados á perda de naturalidade por presenza de especies exóticas invasoras (nun 85,7% dos tramos), e por presión de especies forestais (nun 74,2%).
As invasoras máis frecuentes foron Tradescantia fluminensis, atopada en 14 dos 35 subtramos, e a falsa acacia (Robinia pseudocacia) en sete.
Os impactos de perda de continuidade do bosque por estradas acada o 37,1%, e por gasodutos ou liñas de alta e media tensión, un 40%. A perda de estrutura horizontal do bosque observouse nun 57,1%, e lonxitudinal nun 28,5%. Outros impactos indirectos proveñen dos cambios na dinámica do río como as canalizacións ou barreiras, e a presenza de residuos no bosque.
O proxecto continúa avanzando con vocación de axudar a administracións e propietarios a facer un uso sustentable do río Barcés e a súa contorna, mellorar o estado do seu bosque de ribeira, e conservar os seus tesouros, apuntan os seus promotores.