A alcaldesa, Inés Rey, na rolda de prensa / Concello da Coruña
O Concello da Coruña aprobou hoxe, en Xunta de Goberno local, o anteproxecto para proceder á licitación de obras na planta de tratamento de residuos de Nostián, que leva desde a súa posta en marcha, en 2022, agardando por unha actualización.
En concreto, segundo explicou a alcaldesa Inés Rey, cun investimento de 52 millóns de euros, o Concello, titular da instalación de tratamento de residuos que utilizan outros moitos concellos da área metropolitana, aspira a conseguir «o máximo rendemento» coa modernización e adaptación da planta á nova normativa europea.
En concreto, as actuacións previstas consistirán en melloras nas infraestruturas de clasificación de residuos e tamén no referente ás áreas de persoal. «A planta de clasificación de residuos será actualizada e tamén se incrementará a súa capacidade operativa, facéndoa máis eficiente. Ademais, optimizaranse todos os dixestores da instalación para obter máis enerxía limpa ─biogás─ e remodelarase interiormente a nave de compostaxe», explicou a alcaldesa.
Tamén se acometerá a remodelación dos circuítos interiores, o que reforzará a seguridade e prevención das persoas empregadas, garantindo un illamento con respecto ás cintas de transporte de residuos, detallou Inés Rey. Para isto, Medio Ambiente contempla automatizar certos procesos coa idea de que o persoal da instalación atenda, máis en concreto, ás tarefas de control e menos ás de clasificación.
Ademais, o anteproxecto contempla a adaptación da planta á normativa europea de cinco contedores ─residuos orgánicos, envases, outros restos, papel e vidro─ e suma a xestión dun novo punto móbil para a cidade.
«Este é o segundo paso administrativo relevante que damos despois do estudo de viabilidade para licitar o contrato. Tal e como comprometimos, coa aprobación deste anteproxecto seguimos a dar os pasos necesarios con vistas a licitar Nostián neste mandato», subliñou a rexedora.