Muíño no río Medio / Concello de Miño
O Concello de Miño vén de anunciar a finalización dos traballos de rehabilitación dos catro muíños que se atopan no roteiro dos muíños do río Medio, o que supón a posta en valor dun itinerario rodeado de natureza e apto para todos os públicos.
Esta actuación, na que se investiron 48.395,04 euros, consistiu na limpeza previa do terreo e dos entullos acumulados no interior dos muíños, a reparación das cubertas, que se levou a cabo mantendo os máximos elementos posibles e utilizando materiais e cores similares aos orixinais, e a instalación de portas e xanelas.
Ademais, as obras incluíron a colocación de cartelería e información sobre o roteiro e os bens ambientais e patrimoniais que nel se atopan, como os muíños dá Graña, de Albeiro, de Amado e de Miño.
Un paraíso natural
O roteiro dos muíños do río Medio é un itinerario de dificultade media, de 1,3 quilómetros de distancia e apto para todos os públicos. Ten acceso desde Ponte do Porco e a entrada, situada xusto antes do cartel que indica que comeza o Concello de Vilarmaior, está sinalizada.
Ao comezo do roteiro, na antiga central eléctrica de Güimil, os visitantes poderán ver un panel informativo no que se detalla a información dos catro muíños, construídos pegados ao río Medio, e das especies vexetais e animais que poden atopar no seu camiño.
Ao longo do itinerario hai instalado mobiliario como bancos e papeleiras e tamén pasarelas e escaleiras de madeira.