12 propósitos ecolóxicos para o novo ano

12 propósitos ecolóxicos para o novo ano

Fin de Ano é unha data marcada polos bos propósitos / Pexel

O 31 de decembro é o día no que moitas persoas deciden facer balance de como decorreu o ano e tamén de pensar en novas metas para o ano que entra.

Desde Ecoartabria queremos axudar á xente que no 2023 quere reducir a súa pegada ambiental e axudar así a combater os efectos do cambio climático, que por desgraza son cada vez máis extremos. Velaquí as nosas propostas:

1.- Reduce o teu consumo

O ano comeza marcado polo período de rebaixas, unha estratexia comercial que incita a consumir cousas que moitas veces non precisamos. Non caer nesta ‘trampa’ debería ser o primeiro propósito para 2023, un ano no que todo fai presaxiar que imos ter que volver a apretar o cinto.

 2.- Aposta por produtos locais, ecolóxicos e de tempada

Á hora de elixir o que mercamos é preciso ter en conta a pegada ambiental dese produto. Pensar en cantos quilómetros ten percorrido até chegar as nosas mans, os recursos que se teñen empregado na súa produción ou como ven presentado. Neste senso, os produtos locais, ademais de fomentar a economía da zona, supoñen unha excelente alternativa. E se son ecolóxicos e de tempada, aínda mellor. O importante, novamente, é facer un consumo responsable para evitar outro dos grandes males da sociedade de consumo: o desperdicio alimentario.

 3.- Aparca o coche

O transporte é un dos sectores que máis contribúe ao quecemento global, xa que é unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro. Así, reducir o uso do vehículo privado e apostar por outros medios de transporte máis sostibles, como o tren ou o bus, estaríamos a reducir a nosa pegada. Ademais, se eliximos camiñar ou ir en bici, non só non estaremos contaminando, senón que contribuiremos a mellorar a nosa saúde e, indirectamente, a da xente que nos rodea.

 4.- Pásate ao verde

Outra das cousas que axuda a mellorar a saúde, segundo demostran recentes estudos científicos, é rodearnos de verde. Porén, nas contornas urbanas non sempre é sixelo. Aínda así, podemos encher os nosos pisos de plantas ─informándonos antes de cales son as máis acaídas─ que non só fan máis agradables as estancias da nosa casa, senón que tamén purifican o aire que respiramos.

As plantas non teñen por que ser ornamentais. De feito, cada vez son máis as persoas que transforman as súas cociñas en pequenas hortas urbanas nas que produtos como o cilantro, o perixel ou o cebollino están ao alcance da man.

5.- ‘Tira’ de tupper e de termo

Outro bo propósito para o ano que entra é prescindir de envases para o transporte de alimentos e bebidas. Moita da xente que ten que comer fóra de casa está afeita a levar a comida nos tuppers, o que contribúe tamén a reducir o gasto en alimentación. O que non é tan frecuente é ver esos recipientes en supermercados ou tendas de alimentación, onde poden resultar unha alternativa aos envoltorios e envases que ofertan estas superficies e que, polo xeral, están compostas de plásticos.

No caso das bebidas, o termo é o aliado perfecto, tanto para levar auga (da billa) no canto da embotellada, como para enchelo de café e prescindir así dos vasos de un só uso.

6.- Revisa os teus consumos

Nos últimos meses, coa seca e a crise enerxética derivada da guerra en Ucraína, foron moitas as persoas que prestaron por primeira vez atención aos seus consumos de enerxía e auga. Son moitos os trucos para aforrar (nesta sección de Econsellos irémosvos mostrando algúns deles) e así reducir a nosa dependencia de enerxías fósiles. Apostar polo autoconsumo e a eficiencia enerxética na medida do posible será unha das mellores accións que podes levar a cabo no ano que entra.

Tampouco está de máis que investigues alternativas á hora de escoller a compañía que te presta un servizo. Así, poderás descubrir cooperativas como a galega Nosa Enerxía, que aposta firmemente noutro modelo enerxético; entidades financeiras concienciadas coa defensa do medio ambiente ou compañías de teléfonía locais que contribúen a fixar poboación no rural.

7.- Recicla máis e mellor

Sabemos que a túa preocupación polo medio ambiente lévate a separar os residuos para a súa correcta reciclaxe, pero seguro que hai algún proceso no que podes mellorar, por exemplo na xestión dos residuos orgánicos ou na clasificación de outros residuos, como as bombillas, as radiografías, os aparellos electrónicos ou o aceite, que moitas veces non separamos correctamente.

 8.- Vacacións en verde

Á hora de elixir o destino das nosas vacacións non sempre temos que pensar nun enclave exótico. En Galicia, mesmo en territorios veciños como o norte de Portugal, Castela León ou Asturias, temos infinidade de paraxes nos que poder evadirnos sen necesidade de disparar a nosa pegada ambiental. Iso si, visitar estas paraxes tense que facer tamén do modo máis sostible posible, para non comprometer a súa conservación. Planificar a saída con tempo é sempre unha boa opción.

9.- Apúntate ao voluntariado ambiental

Unha forma de non por en risco a conservación dos espazos naturais é xustamente contribuír á súa mellora con actividades de voluntariado. No Arco Ártabro existen moitas entidades dedicadas á recuperación do bosque autóctono, de espazos naturais degradados ou comprometidas coa retirada de plásticos e lixo das nosas costas coas que poder colaborar. Tamén se pode contribuír a estes obxectivos de forma individual, por exemplo retirando residuos que atopemos cando vaiamos á praia ou apoiando económicamente iniciativas nestes ámbitos.

10.- Desfaite do que non precisas

Moitas persoas están rodeadas de cousas que non precisan. O primeiro paso é pensar ben antes de facernos con elas, como apuntabamos no primeiro punto, pero tamén hai que saber desfacerse delas cando realmente non lles damos uso.

A mellor saída é donar estes produtos para que a xente sen recursos poida acceder a eles. Tamén hai quen prefire sacar cartos por eles recurrindo ao mercado de segunda man, unha alternativa tamén interesante, pois un produto neste mercado fai que non sexa preciso producir un novo para o mercado tradicional, o que supón un importante aforro de recursos (materias primas, enerxía, transporte…).

 11.- Elixe o máis ecolóxico

Tamén, entre as cousas que temos podemos investigar se existen alternativas máis ecolóxicas. Por exemplo, un cepillo de dentes pode ser électrico (o menos ecolóxico), de plástico ou de materiais respectuosos co medio. O teléfono da casa pode ser inalámbrico e conectado á corrente eléctrica ou funcionar só conectado á clavixa do teléfono. Realmente necesitamos a electricidade para todos estes produtos? O mesmo podes preguntarte para o plástico, un material que esta máis presente nas nosas vidas do que realmente precisamos. 

12.- Planta unha árbore

Deixamos este propósito para o final, xa que non só é un propósito para o ano que entra, senón que é unha meta vital para moitas persoas. Sexa como for, a realidade é que plantar unha árbore, ou apoiar iniciativas que as planten por nós, é a maneira máis rápida e sinxela de reducir a nosa pegada no medio, ademais de constituír un xesto altruista, xa que esa árbore non só achegará sombra, oxíseno, e froitos a quen o plante, senón a toda persoa que estea ao seu carón.

Narón reparte embudes no Pazo da Cultura para a recollida de aceite usado

Narón reparte embudes no Pazo da Cultura para a recollida de aceite usado

Pazo da Cultura / Concello de Narón.

O Concello de Narón, ao igual que fixo nas últimas datas o de Arteixo, leva a cabo estes días unha campaña para fomentar a reciclaxe do aceite usado de cociña, evitando así que este residuo contamine milleiros de litros de auga potable.

En concreto, segundo informa o Consistorio nun comunicado, habilitarase un ‘stand’ no Pazo da Cultura de Narón no que se repartirán hoxe e mañá embudes ás persoas interesadas para facilitar a recollida do aceite de cociña.

O edil de Servizos, Ibán Santalla, explicou que esta tarde se poderán recoller en horario de 16.00 a 18.00 horas e mañá desde as 11.30 até as 13.30 horas e de 15.30 a 19.30 horas pola tarde.

Somos parte da nosa cidade. Codémola!‘ é o lema desta campaña, que se desenvolve conxuntamente coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia do Goberno español, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU, tal e como recordou Santalla.

Chamada á participación

Dentro da mesma campaña, o Concello editou un material informativo no que dá conta dos beneficios de reciclar aceite usado e dos efectos no medio dunha inadecuada xestión deste residuo. Tamén facilita instrucións para a súa correcta separación.

Desde o Concello animaron á cidadanía a implicarse nesta iniciativa, recollendo os aceites de cociña usados para depositalos posteriormente nos contedores de aceite ubicados en diferentes puntos da vía pública, no Punto Limpo do polígono de Río do Pozo e nos puntos limpos de proximidade que se habilitaron en barrios da zona urbana.

Información sobre a reciclaxe de aceite / Concello de Narón.

OK Zona E-bike: As bicicletas eléctricas toman a cidade

OK Zona E-bike: As bicicletas eléctricas toman a cidade

As bicis de OK Zona E-Bike triunfan entre os cruceiristas / Xoán Roberes

Din que as bicicletas son para o verán, mais dun tempo a esta parte estes vehículos de dúas rodas están a transformar a dinámica da mobilidade nas cidades. No caso da Coruña, o Concello, que nesta lexislatura incrementou notablemente a lonxitude do carril bici, apostou este verán por renovar a súa flota de bicis públicas, incluíndo por primeira vez vehículos con asistencia eléctrica.

Máis a chegada das bicis eléctricas a Coruña é moi anterior. Óscar Santalla, un galego que pasou a maior parte da súa vida emigrado en Venezuela, puxo en marcha á súa volta un negocio de alugueiro de bicicletas eléctricas chamado OK Zona E-bike que non parou de medrar desde entón.

Comezou con 8 vehículos, algún dos cales ten xa máis de 31.000 kilómetros ás súas costas. Agora son perto de 20 as bicicletas que conforman a súa flota, moi demandadas entre os cruceiristas que chegan á cidade por ser o medio ideal para moverse con axilidade polas súas rúas, contando ademais coa asistencia eléctrica para facer fronte a algunhas das empinadas pendentes da orografía herculina.

Como explica o propio Óscar Santalla, o seu é un negocio “pensado para o turismo, xa que é a mellor forma de coñecer unha cidade. Áxil, bonita, ecolóxica e económica. A bici teno todo”, apunta.

Hai quen podería pensar que estas bicis consomen moita enerxía, pero a realidade é que teñen unha autonomía bastante grande (uns 200 quilómetros) e cárganse cun dispositivo cunha potencia similar á de un cargador de móbil. “Medido, consómeme máis o ordenador que oito bicicletas cargando ao mesmo tempo”, asegura Santalla.

Respecto á clientela, o propietario deste estabelecemento recoñece que a xente de fóra está máis afeita ás bicicletas, aínda que a cultura das dúas rodas vai callando na cidade. “Nos seis anos que levo aberto notouse o aumento no uso das bicis. Ao principio ninguén coñecía as eléctricas, agás a xente de fóra, turistas de calquera idade que viñan e as alugaban”, xa que, como apunta este pioneiro da electromobilidade urbana, unha das vantaxes que teñen é que as poden manexar persoas maiores sen moito esforzo.

“As bicis son unha forma áxil, bonita, ecolóxica e económica de coñecer unha cidade”

As bicis eléctricas son, pois, unha alternativa máis que interesante para que a xente de fóra poida desfrutar da cidade. E para facer desta experiencia algo máis exclusivo, ofrecen, ademais do alugueiro das bicis (con posibilidade de incorporarlle unha silla infantil sen recargo), aventuras personalizadas con guía bilingüe.

Como sinala Santalla, OK Zona E-bike ten por diante anos para consolidarse nun sector que “ten aínda moita marxe de crecemento”. De feito, a firma está en pleno proceso de renovación e ampliación da súa frota, pois moitos dos días queda sen bicis para dar resposta á demanda existente.

Óscar Santalla, propietario de OK Zona E-Bike / Xoán Roberes


Dinahosting: dominios e aloxamento web

Nace o referente da información ambiental no Arco Ártabro

Nace o referente da información ambiental no Arco Ártabro

Vista do río Mandeo / Xoán Roberes

O medioambiente está a ser nos últimos anos unha cuestión que preocupa cada vez máis ás persoas, básicamente porque aspectos como o cambio climático, a desaparición de hábitats ou a perda de biodiversidade pasaron de ser algo do que falaban as e os científicos a converterse nunha realidade que nos toca moi de preto.

Con todo, o territorio que abrangue o Arco Artabro, delimitado polas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol, pode presumir aínda de contar con espazos tan privilexiados como o Parque Natural das Fragas do Eume, a reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e moitos outros lugares de relevancia para a preservación da vida en todas as súas formas.

Porén, tamén existen moitas ameazas en forma de proxectos industriais, desenvolvementos inmobiliarios ou as propias accións do ser humano que están a por en perigo a súa pervivencia.

Por sorte, son moitos os colectivos que loitan por conservar todas estas riquezas e concienciar sobre a necesidade de reducir o noso impacto no medio. Agora todos eles van contar cun medio como Ecoartabria, que fará as veces de altofalante para que a súa mensaxe chegue ao maior número de xente posible.

Ecoartabria nace pois coa ambición de ser un referente no eido medioambiental no Arco Ártabro, informando do que acontece en todos os concellos deste territorio e dando a coñecer as empresas e institucións que teñen no seu ADN principios como a ecoloxía ou a sustentabilidade.

Ademais, periódicamente achegará consellos útiles para que cada quen na súa casa tamén poida facer pequenas contribucións ao obxectivo de preservar e mellorar a nosa contorna.

Por último, na sección Muro Verde, as empresas que, sen ser ‘verdes’, contribúan á mellora do medio ambiente tamén terán un espazo para dar a coñecer os seus proxectos.

En definitiva, Ecoartabria nace como un novo medio que ten o medio ambiente como eixo cental que aposta no xornalismo de proximidade, facendo boa a máxima de pensar globalmente e actuar localmente.


Dinahosting: dominios e aloxamento web