A depuradora de Bens, na Coruña, pioneira na produción de hidróxeno verde

A depuradora de Bens, na Coruña, pioneira na produción de hidróxeno verde

Unidade mixta de gas renovable da EDAR de Bens / Concello da Coruña.

As instalacións da Estación Depuradora de Augas Resiudais (EDAR) de Bens comezarán a producir hidróxeno verde a finais deste mes. Así o anunciou a concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña, Esther Fontán, no transcurso dunha xornada técnica da Unidade Mixta de Gas Renovable, unha iniciativa conxunta de Naturgy, o centro tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens, a empresa pública supramunicipal que depura as augas residuais da Coruña e a súa contorna.

Segundo explicou Fontán, a finais deste outono entrou en funcionamento unha nova turbina que aproveita o caudal do emisario para a xeración de enerxía eléctrica coa que producir hidróxeno verde, un dos gases renovables con maior proxección a escala global. Grazas a esta actuación, a depuradora da Coruña será a primeira de Galicia en producir hidróxeno verde aproveitando os seus propios recursos e empregando o electrolizador, xa instalado para completar o proceso.

«Estimamos que a EDAR de Bens comezará a xerar hidróxeno verde a finais deste mes», indicou a titular de Medio Ambiente, que valorou a utilidade deste gas para mesturalo, por exemplo, con biometano (que se produce en Bens froito do procesamento dos residuos e que se inxecta xa na rede comercial), mellorando a capacidade enerxética deste último.

Combustible para transporte

Por outra banda, poderá empregarse como combustible. «Coa capacidade da EDAR para producir este hidróxeno estimamos que se podería subministrar de combustible a dous autobuses urbanos», detallou Fontán, que puxo a EDAR como exemplo do fomento por parte do Concello das enerxías limpas e renovables, «unha aposta de futuro para gañar autonomía enerxética», destacou.

A EDAR podería subministrar hidróxeno verde a dous autobuses urbanos

Durante a xornada técnica, Fontán estivo acompañada polo director xeral de Edar Bens, Carlos Lamora; o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, Francisco Conde; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argirey; o director de Innovación de Naturgy, Jesús Chapado; e o director xeral de EnergyLab, Fernando Val, entre outras personalidades.

A EDAR de Bens é, desde xaneiro de 2022, a primeira planta de tratamento de augas residuais de España en inxectar biogás na rede comercial de distribución, obtido mediante un sistema de membranas no tratamento dos residuos que chegan á estación de Bens. Actualmente, a planta produce 60 Nm3 á hora, o que en termos comparativos sería equivalente ao consumo de mil familias.

O caldeiro na ducha e outros trucos para aforrar auga que tal vez non coñecías

O caldeiro na ducha e outros trucos para aforrar auga que tal vez non coñecías

O noso territorio sufriu nos últimos meses unha situación de seca que non se recordaba desde comezos do presente século. No ano hidrolóxico 2021-2022, fechado o pasado 30 de setembro, os recursos hídricos na bacía Galiza-Costa foron 44,77% inferiores ao promedio histórico, o que supón o segundo peor dato dos últimos 12 anos.

As choivas das últimas semanas contribuíron notablemente a mellorar esta situación, máis ameaza da seca segue activa. Por iso, e tamén para ir afacéndonos a un mundo no que o auga será un recurso cada vez máis escaso, non está de máis ter en conta algúns trucos para aforrar auga no noso día a día.

A principal fonte de gasto está no cuarto de baño. Na cociña chega con non prelavar os pratos e facer uso do lavavaixelas a plena carga para reducir drásticamente o consumo.

No baño as posibilidades son maiores e quizáis atopes por aquí algún truco que non coñecías.

Se comezamos pola ducha, o habitual é que a xente deixe correr a auga até que colla a temperatura desexada. Porén, en lugar de deixar que marche polo sumidoiro, o caldeiro pode ser un gran aliado, pois pódese encher con esa auga para despois empregala noutros usos.

Un deses usos podería ser para liberar o inodoro sen necesidade de tirar da cadea, un xesto que supón verter 6 litros (tres se temos pulsador de dobre descarga e facemos uso do pequeño) cada vez que pulsamos o botón. Outros ben poderían ser para fregar con esa auga o chan ou para regar as plantas.

O acto de tirar da cisterna supón liberar entre 3 e 6 litros de auga

En Brasil tamén contaron coa idea de empregar o auga sobrante da ducha para desfacerse dos ouriños, mais neste caso cunha campaña promovida pola ONG SOS Mata Atlántica que suxería facer pis directamente no baño ou na ducha no canto de no retrete.

O Reino Unido é outro país concienciado co aforro de auga no baño. De feito, nos anos 70 do século pasado xa idearan unha rima para concienciar os máis pequenos da casa, que ven dicir “if it’s brown, flush it down; if it’s yellow, let it mellow”, algo así como que se é marrón, premas o botón, mentres que se é amarelo podes deixalo reposar. Velaquí un anaco da película ‘Meet the Fockers’ (2004) na que se fai alusión a esta cuestión.

Se tomamos como promedio (escatolóxico) tres pises por cada vez que facemos caca, estaríamos a falar dun aforro de 60% no caso de ter cisternas de dobre descarga, mentres que a redución sería aínda maior no caso de ter un pulsador simple. En calquera caso, existe o truco de meter unha botella de auga na cisterna para reducir nesa proporción (pongamos un litro) a cantidade que se descarga.

Volvendo á ducha, o tempo que a billa está aberta é algo fundamental. Nese senso, un truco é tratar de que a ducha non dure máis do que tardamos en cantar unha canción que nos guste, que normalmente non duran máis de catro minutos. O de facelo para dentro ou en voz alta xa é a elección de cada quen.

Tamén é unha medida sinxela fechar a billa mentres nos enxabonamos (tamén aplicable para cando lavamos os dentes), xa que nese momento a auga vai directamente ao sumidoiro sen pasar polo noso corpo, co que a estaríamos a malgastar.

Estas son solo algunhas medidas que axudarían a reducir o consumo de auga nos fogares, o que á súa vez contribuiría a evitar o baleirado dos embalses e a preservar a biodiversidade nos cursos fluviais.

EXTRA- Aínda que conleve o emprego de enerxía, en moitos fogares galegos o deshumidificador é un aliado no inverno para mellorar o confort, purificar o aire e manter quente a vivenda.

O auga que extrae do ambiente tamén se pode empregar para o mesmo que o caldeiro, é dicir, baleirar o WC, regar as plantas ou buscarlle calquera outra utilidade. Hai quen di que é estupenda para encher o depósito do ferro…


Dinahosting: dominios e aloxamento web