Greenpeace pide non esquecer o Prestige no 20 aniversario do seu afundimento

Greenpeace pide non esquecer o Prestige no 20 aniversario do seu afundimento

Acción de Greenpeace en Muxía / Greenpeace

Un 19 de novembro de 2002, despois de seis días de singladura sen destiño aparente, o petroleiro Prestige partía en dous e afundía a 130 millas do cabo Fisterra. Hoxe, coincidindo co 20 aniversario do afundimento, máis dunha vintena de voluntarios e voluntarias de Greenpeace, regresaron hoxe ao lugar coa intención de homenaxear ás decenas de milleiros de persoas que, procedentes de moitos lugares do Estado español e do mundo, se desprazaron a Galicia aqueles meses para axudar a mitigar o meirande desastre ambiental da nosa historia.

Nun dos lugares máis simbólicos da costa galega, a carón do santuario da Virxe da Barca, despregaron grandes letras para compoñer a frase ‘non esquecemos’, para chamar tamén a atención sobre a importancia de conservar a memoria sobre o acontecido e implementar decisións para que algo así non se volva repetir.

“A catástrofe do Prestige foi dramática, pero sería aínda máis devastadora sen a heroica reacción da sociedade civil, que se puxo á fronte da mesma cando as autoridades e o Estado fallaron estrondosamente. Sen o voluntariado, sen as xentes do mar, sen Nunca Máis, non sabemos o que tería acontecido. É xusto que non o esquezamos”, comentou Begoña Vila, voluntaria de Greenpeace.

Asemade, o acto serviu para lembrar que as condicións para que un Prestige se poida repetir seguen presentes, pois fronte a Muxía pasan cada ano máis de 36.000 barcos, o 35 % deles con mercadorías perigosas como o petróleo e outros produtos contaminantes.

“A industria dos combustíbeis fósiles continúa pasando fronte ás nosas costas e actuando con total impunidade e opacidade, creando redes de sociedades pantasmas para protexer os seus perigosos cargamentos e eludir responsabilidades en caso de accidente […] Como sociedade necesitamos desprendernos canto antes da nosa adicción aos combustíbeis fósiles”, apuntou Nerea Davila, voluntaria de Greenpeace.

Este acto reivindicativo forma parte das accións da organización ecoloxista Greenpeace co gallo do 20 aniversario da catástrofe do Prestige, entre as que tamén se atopa a elaboración do documental Prestige: memoria dun desastre.


Dinahosting: dominios e aloxamento web