O CEIDA crea ‘Clorofila’, un clube de lecturas verdes

O CEIDA crea ‘Clorofila’, un clube de lecturas verdes

Castelo de Santa Cruz (Oleiros), sede do CEIDA / Xoán Roberes.

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) ten previsto pór en marcha neste 2023 un clube de lecturas verdes que levará por nome ‘Clorofila’. Esta será unha das actividades programadas pola Biblioteca e Centro Documental Domingo de Quiroga, que ten a súa sede nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, no concello de Oleiros.

Segundo informa a institución nun comunicado, o Clube de Lecturas Verdes Clorofila pretende ser unha invitación para achegarse á natureza a través da literatura. «Xa sexa dende a narrativa ou do ensaio, este clube pretende dar a coñecer obras de temática ambiental para explorar o mundo que nos rodea, creando un espazo para a conversa e o intercambio de ideas, unha chamada á acción a través da lectura».

O novo clube de lectura está aberto a todas as persoas ás que lles guste ler. «Non buscamos un público experto nin comentarios especializados. Todo o mundo é benvido! Só precisamos persoas dispostas a compartir con nós as súas impresións tras a lectura das obras propostas».

En cada convocatoria, o grupo de lectura ofertará 12 prazas por sesión. As persoas interesadas só terán que anotarse e recoller un exemplar do libro, que sempre atopará dispoñible en préstamo na nosa biblioteca verde.

«Non buscamos público experto nin comentarios especializados. Todo o mundo é benvido!»

Clorofila, que forma parte do clube de lecturas da Red de Centros de Información e Documentación Ambiental (RECIDA), «é sobre todo un espazo para coñecernos e gozar das lecturas verdes, para o diálogo colectivo, para compartir, para falar de forma distendida e poñer en común temas ambientais e sociais que nos afectan a todos», destacan desde o Ceida.

El sonido de un caracol salvaje al comer, de Elisabeth Tova Bailey (Capitán Swing, 2019) é a lectura escollida para a primeira sesión, que terá lugar na sede do Centro de Documentación Ambiental o vindeiro 31 de xaneiro ás 19 horas. 

Como explican desde o Ceida, o feito de pertencer ao clube de lecturas de RECIDA fai que a maior parte dos títulos estean escritos en castelán. Porén, aseguran que tratarán de incluír obras en galego.