Cabanas explora a creación dunha comunidade enerxética local

Cabanas explora a creación dunha comunidade enerxética local

As comunidades enerxéticas favorecen o aforro e a eficiencia / IDAE.

O Concello de Cabanas, a través da súa área de Medio Ambiente, vén de convocar unha asemblea para explorar a posibilidade de constituír unha comunidade enerxética na parroquia de Laraxe. A cita será o vindeiro venres, 13 de xaneiro, ás 20 horas no Local Social desta parroquia.

Segundo explica o concello nun comunicado, o obxectivo desta convocatoria é explicar os pormenores das comunidades enerxéticas locais ─unha agrupación voluntaria de persoas, empresas e institucións que se asocian para xerar, distribuír e compartir enerxía renovable─ e coñecer canta xente podería estar interesada na iniciativa para saber se esta é viable, como paso previo á súa creación.

«Queremos explorar a posibilidade de crear unha comunidade enerxética local, unha opción que permite crear un modelo enerxético máis social, máis sostíbel e que ademais permite reducir a factura da luz até 30% por fogar de media», destaca o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela.

«Comezariamos pola parroquia de Laraxe, dado que a súa distribución, densidade e orientación fana particularmente propicia para este fin», explica Varela, quen apunta que, de resultar unha iniciativa viable, o seguinte paso sería a creación dunha asociación que daría forma á comunidade, para pasar despois a deseñar os primeiros proxectos de xeración de enerxía.

As persoas interesadas en participar, ademais de asistiren á asemblea, poden enviar os seus datos a través deste formulario habilitado polo Concello.

12 propósitos ecolóxicos para o novo ano

12 propósitos ecolóxicos para o novo ano

Fin de Ano é unha data marcada polos bos propósitos / Pexel

O 31 de decembro é o día no que moitas persoas deciden facer balance de como decorreu o ano e tamén de pensar en novas metas para o ano que entra.

Desde Ecoartabria queremos axudar á xente que no 2023 quere reducir a súa pegada ambiental e axudar así a combater os efectos do cambio climático, que por desgraza son cada vez máis extremos. Velaquí as nosas propostas:

1.- Reduce o teu consumo

O ano comeza marcado polo período de rebaixas, unha estratexia comercial que incita a consumir cousas que moitas veces non precisamos. Non caer nesta ‘trampa’ debería ser o primeiro propósito para 2023, un ano no que todo fai presaxiar que imos ter que volver a apretar o cinto.

 2.- Aposta por produtos locais, ecolóxicos e de tempada

Á hora de elixir o que mercamos é preciso ter en conta a pegada ambiental dese produto. Pensar en cantos quilómetros ten percorrido até chegar as nosas mans, os recursos que se teñen empregado na súa produción ou como ven presentado. Neste senso, os produtos locais, ademais de fomentar a economía da zona, supoñen unha excelente alternativa. E se son ecolóxicos e de tempada, aínda mellor. O importante, novamente, é facer un consumo responsable para evitar outro dos grandes males da sociedade de consumo: o desperdicio alimentario.

 3.- Aparca o coche

O transporte é un dos sectores que máis contribúe ao quecemento global, xa que é unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro. Así, reducir o uso do vehículo privado e apostar por outros medios de transporte máis sostibles, como o tren ou o bus, estaríamos a reducir a nosa pegada. Ademais, se eliximos camiñar ou ir en bici, non só non estaremos contaminando, senón que contribuiremos a mellorar a nosa saúde e, indirectamente, a da xente que nos rodea.

 4.- Pásate ao verde

Outra das cousas que axuda a mellorar a saúde, segundo demostran recentes estudos científicos, é rodearnos de verde. Porén, nas contornas urbanas non sempre é sixelo. Aínda así, podemos encher os nosos pisos de plantas ─informándonos antes de cales son as máis acaídas─ que non só fan máis agradables as estancias da nosa casa, senón que tamén purifican o aire que respiramos.

As plantas non teñen por que ser ornamentais. De feito, cada vez son máis as persoas que transforman as súas cociñas en pequenas hortas urbanas nas que produtos como o cilantro, o perixel ou o cebollino están ao alcance da man.

5.- ‘Tira’ de tupper e de termo

Outro bo propósito para o ano que entra é prescindir de envases para o transporte de alimentos e bebidas. Moita da xente que ten que comer fóra de casa está afeita a levar a comida nos tuppers, o que contribúe tamén a reducir o gasto en alimentación. O que non é tan frecuente é ver esos recipientes en supermercados ou tendas de alimentación, onde poden resultar unha alternativa aos envoltorios e envases que ofertan estas superficies e que, polo xeral, están compostas de plásticos.

No caso das bebidas, o termo é o aliado perfecto, tanto para levar auga (da billa) no canto da embotellada, como para enchelo de café e prescindir así dos vasos de un só uso.

6.- Revisa os teus consumos

Nos últimos meses, coa seca e a crise enerxética derivada da guerra en Ucraína, foron moitas as persoas que prestaron por primeira vez atención aos seus consumos de enerxía e auga. Son moitos os trucos para aforrar (nesta sección de Econsellos irémosvos mostrando algúns deles) e así reducir a nosa dependencia de enerxías fósiles. Apostar polo autoconsumo e a eficiencia enerxética na medida do posible será unha das mellores accións que podes levar a cabo no ano que entra.

Tampouco está de máis que investigues alternativas á hora de escoller a compañía que te presta un servizo. Así, poderás descubrir cooperativas como a galega Nosa Enerxía, que aposta firmemente noutro modelo enerxético; entidades financeiras concienciadas coa defensa do medio ambiente ou compañías de teléfonía locais que contribúen a fixar poboación no rural.

7.- Recicla máis e mellor

Sabemos que a túa preocupación polo medio ambiente lévate a separar os residuos para a súa correcta reciclaxe, pero seguro que hai algún proceso no que podes mellorar, por exemplo na xestión dos residuos orgánicos ou na clasificación de outros residuos, como as bombillas, as radiografías, os aparellos electrónicos ou o aceite, que moitas veces non separamos correctamente.

 8.- Vacacións en verde

Á hora de elixir o destino das nosas vacacións non sempre temos que pensar nun enclave exótico. En Galicia, mesmo en territorios veciños como o norte de Portugal, Castela León ou Asturias, temos infinidade de paraxes nos que poder evadirnos sen necesidade de disparar a nosa pegada ambiental. Iso si, visitar estas paraxes tense que facer tamén do modo máis sostible posible, para non comprometer a súa conservación. Planificar a saída con tempo é sempre unha boa opción.

9.- Apúntate ao voluntariado ambiental

Unha forma de non por en risco a conservación dos espazos naturais é xustamente contribuír á súa mellora con actividades de voluntariado. No Arco Ártabro existen moitas entidades dedicadas á recuperación do bosque autóctono, de espazos naturais degradados ou comprometidas coa retirada de plásticos e lixo das nosas costas coas que poder colaborar. Tamén se pode contribuír a estes obxectivos de forma individual, por exemplo retirando residuos que atopemos cando vaiamos á praia ou apoiando económicamente iniciativas nestes ámbitos.

10.- Desfaite do que non precisas

Moitas persoas están rodeadas de cousas que non precisan. O primeiro paso é pensar ben antes de facernos con elas, como apuntabamos no primeiro punto, pero tamén hai que saber desfacerse delas cando realmente non lles damos uso.

A mellor saída é donar estes produtos para que a xente sen recursos poida acceder a eles. Tamén hai quen prefire sacar cartos por eles recurrindo ao mercado de segunda man, unha alternativa tamén interesante, pois un produto neste mercado fai que non sexa preciso producir un novo para o mercado tradicional, o que supón un importante aforro de recursos (materias primas, enerxía, transporte…).

 11.- Elixe o máis ecolóxico

Tamén, entre as cousas que temos podemos investigar se existen alternativas máis ecolóxicas. Por exemplo, un cepillo de dentes pode ser électrico (o menos ecolóxico), de plástico ou de materiais respectuosos co medio. O teléfono da casa pode ser inalámbrico e conectado á corrente eléctrica ou funcionar só conectado á clavixa do teléfono. Realmente necesitamos a electricidade para todos estes produtos? O mesmo podes preguntarte para o plástico, un material que esta máis presente nas nosas vidas do que realmente precisamos. 

12.- Planta unha árbore

Deixamos este propósito para o final, xa que non só é un propósito para o ano que entra, senón que é unha meta vital para moitas persoas. Sexa como for, a realidade é que plantar unha árbore, ou apoiar iniciativas que as planten por nós, é a maneira máis rápida e sinxela de reducir a nosa pegada no medio, ademais de constituír un xesto altruista, xa que esa árbore non só achegará sombra, oxíseno, e froitos a quen o plante, senón a toda persoa que estea ao seu carón.

Inditex e WWF alíanse para restaurar ecosistemas ameazados

Inditex e WWF alíanse para restaurar ecosistemas ameazados

Sede central de Inditex en Arteixo / Inditex

Inditex e WWF anunciaron hoxe a sinatura dun acordo de colaboración para o próximos tres anos centrado na restauración da natureza, ademais dun traballo conxunto en proxectos transformadores, que se concretará en nove proxectos de WWF no norte de África, Europa, Asia e América Latina centrados na restauración e conservación de bosques e concas hidrográficas e a protección de especies en perigo de extinción e os seus ecosistemas.

Durante o acto de firma, celebrado en Xenebra, o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, afirmou que «a nosa estratexia de sustentabilidade busca aumentar o impacto positivo do noso traballo nas persoas, as comunidades e os recursos naturais. Por iso, estamos encantados de colaborar con organizacións como WWF, que comparten a nosa determinación de axudar a protexer e restaurar os ecosistemas en todo o mundo. Cremos que WWF é, pola súa contrastada traxectoria e alcance global, o mellor socio a longo prazo para elevar a ambición do noso compromiso co medioambiente a través dun proxecto de transformación para toda a nosa industria»

O Director Xeral de WWF Internacional, Marco Lambertini, sinalou que WWF «está moi contenta de contar con Inditex como aliados na nosa misión de reverter a perda da natureza e lograr un impacto positivo na natureza para 2030. A natureza sustenta as nosas economías, as nosas sociedades e o noso benestar. Con todo, estamos a perdelo a un ritmo alarmante. Como moitas industrias, o sector téxtil e da confección depende en gran medida da natureza e a biodiversidade. Con todo, tamén ten un impacto significativo. Necesitamos medidas urxentes para deter e reverter a perda da natureza, incluídas investimentos colectivos e estratéxicos para restaurar e protexer a biodiversidade».

O Grupo con sede en Arteixo destinará a estes proxectos parte dos fondos obtidos pola cobranza das bolsas e sobres de papel que puxo en marcha en 2021 co obxectivo de impulsar o uso de alternativas reutilizables. Inditex realizará unha contribución mínima anual de 3 millóns de euros a WWF, con 4,2 millóns de euros fixados para 2022, polo que a súa contribución total ata 2025 superará os 10 millóns de euros.

Proxectos financiados

Os proxectos de restauración e conservación forestal centraranse na protección da biodiversidade e o fomento da xestión sostible de Castela-A Mancha, que representa máis do 13% do total dos bosques de España; apoiando o traballo de restauración forestal en Datça-Bozburun (Turquía) e os robledales de Cratere degli a Reserva Natural de Astroni en Nápoles (Italia), ambas as afectadas por recentes incendios forestais; ademais de promover esforzos de conservación forestal en Dadia (Grecia), un refuxio vital para as aves rapaces de Europa.

Inditex destinará a estes proxectos parte dos fondos obtidos pola cobranza das bolsas e sobres de papel 

Os traballos de recuperación das concas hídricas e dos ecosistemas de auga doce concéntranse no Norte de África, en concreto na conca do Río Sebú en Marrocos e nos humidais costeiros de Ghar o Melah e chairas de Guerbes-Sanhadja en Tunes e Alxeria. Tamén se inclúe un proxecto de recuperación no Delta do Mekong en Vietnam, afectado polo cultivo intensivo de arroz e que sofre unha importante perda de biodiversidade.

Respecto a a conservación de ecosistemas e fauna en perigo de extinción, o acordo inclúe iniciativas como a recuperación e conservación do bosque tropical do Gran Chaco e do humidal do Pantanal da man de comunidades locais de Arxentina, Brasil, Bolivia e Paraguai.

En México, os equipos de WWF traballan xunto a organizacións locais na conservación dos hábitats de dúas especies en perigo de extinción: as bolboretas monarca e o xaguar. Á súa vez, nas montañas Taihang- Yan, no norte de China, e a rexión de Amur-Heilong, no nordés do país, un hábitat crave para os depredadores de mediano e gran tamaño, os esforzos da organización céntranse na conservación de especies en perigo como o leopardo de Amur ou o tigre de Amur.

O resto das cantidades recadadas a través da cobranza das bolsas de Inditex investiranse en proxectos ambientais de distintas organizacións, como é o caso do proxecto para a mellora da rede de saneamento de varios países do Sueste Asiático con Water.org ou a colaboración con Action Social Advancement (ASA), xunto a Laudes Foundation, IDH The Sustainable Trade Initiative e WWF India para impulsar a agricultura regenerativa en India.

Transformación da industria téxtil

Como parte deste acordo, WWF e Inditex tamén realizarán un traballo conxunto de transformación da industria téxtil. Para iso, durante o primeiro ano de colaboración realizarase unha análise de alcance que estará centrado na protección da auga e a biodiversidade.

Esta análise inclúe un mapa de impactos na cadea de valor do Grupo, así como a revisión das súas accións, impactos e avances, co obxectivo de identificar prioridades e áreas xeográficas clave.

Como resultado, ambas as organizacións selarán un segundo acordo, con dotación orzamentaria propia para avanzar na transformación do sector.


Dinahosting: dominios e aloxamento web

Nace o referente da información ambiental no Arco Ártabro

Nace o referente da información ambiental no Arco Ártabro

Vista do río Mandeo / Xoán Roberes

O medioambiente está a ser nos últimos anos unha cuestión que preocupa cada vez máis ás persoas, básicamente porque aspectos como o cambio climático, a desaparición de hábitats ou a perda de biodiversidade pasaron de ser algo do que falaban as e os científicos a converterse nunha realidade que nos toca moi de preto.

Con todo, o territorio que abrangue o Arco Artabro, delimitado polas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol, pode presumir aínda de contar con espazos tan privilexiados como o Parque Natural das Fragas do Eume, a reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e moitos outros lugares de relevancia para a preservación da vida en todas as súas formas.

Porén, tamén existen moitas ameazas en forma de proxectos industriais, desenvolvementos inmobiliarios ou as propias accións do ser humano que están a por en perigo a súa pervivencia.

Por sorte, son moitos os colectivos que loitan por conservar todas estas riquezas e concienciar sobre a necesidade de reducir o noso impacto no medio. Agora todos eles van contar cun medio como Ecoartabria, que fará as veces de altofalante para que a súa mensaxe chegue ao maior número de xente posible.

Ecoartabria nace pois coa ambición de ser un referente no eido medioambiental no Arco Ártabro, informando do que acontece en todos os concellos deste territorio e dando a coñecer as empresas e institucións que teñen no seu ADN principios como a ecoloxía ou a sustentabilidade.

Ademais, periódicamente achegará consellos útiles para que cada quen na súa casa tamén poida facer pequenas contribucións ao obxectivo de preservar e mellorar a nosa contorna.

Por último, na sección Muro Verde, as empresas que, sen ser ‘verdes’, contribúan á mellora do medio ambiente tamén terán un espazo para dar a coñecer os seus proxectos.

En definitiva, Ecoartabria nace como un novo medio que ten o medio ambiente como eixo cental que aposta no xornalismo de proximidade, facendo boa a máxima de pensar globalmente e actuar localmente.


Dinahosting: dominios e aloxamento web