Unha nova senda ciclista une a contorna de Cecebre con Carral

Unha nova senda ciclista une a contorna de Cecebre con Carral

Nova Senda ZEC ao seu paso por Cecebre / Deputación da Coruña.

Unha nova senda ciclista de 32 quilómetros une a contorna do encoro de Cecebre e Carral. Trátase dun itinerario, cuxas obras vén de rematar a Deputación da Coruña, que percorre un dos espazos naturais de referencia do Arco Ártabro e atravesa os concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre e Carral.

Con motivo da posta en servizo desta nova infraestrutura, o organismo provincial organiza unha andaina e marcha cicloturista o domingo 12 de febreiro que servirá de inauguración oficial. A saída está prevista para as 9:30 horas do pavillón de Guísamo (Bergondo) e a chegada, para as 15:30 horas no Campo da Feira de Carral.

Segundo explican desde a Deputación, serán en total 18 quilómetros de marcha a pé ou en bici nos que ademais haberá un punto de avituallamento intermedio en Abegondo, concretamente na Cidade Deportiva do Mundo do Fútbol do Real Club Deportivo de la Coruña.

A actividade é gratuíta pero para participar é necesario inscribirse antes do 3 de febreiro cubrindo o formulario habilitado na páxina web da Deputación.

O proxecto da Senda ZEC contou cun investimento de 2.150.688 euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A Deputación da Coruña asumiu directamente a xestión das actuacións, que se dividiron en tres tramos: o primeiro deles atravesa os municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral, mentres que o segundo e o terceiro percorren Abegondo e Carral.

Contorna privilexiada

O novo carril bici está na súa maior parte no territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e ao longo dos seus 32 quilómetros de percorrido bordea o encoro de Cecebre, saíndo despois un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral.

O camiño pasa por núcleos de poboación como Sarandóns e lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.

O deputado provincial de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, destaca que esta iniciativa se enmarca nos traballos da Deputación para crear 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses. Un proxecto, apunta, que conta tamén co cofinanciamento de fondos FEDER e que inclúe a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conecta o municipio de Cerceda co de Oroso empregando as antigas vías de ferrocarril e que este se estenderá até Compostela.

12 propósitos ecolóxicos para o novo ano

12 propósitos ecolóxicos para o novo ano

Fin de Ano é unha data marcada polos bos propósitos / Pexel

O 31 de decembro é o día no que moitas persoas deciden facer balance de como decorreu o ano e tamén de pensar en novas metas para o ano que entra.

Desde Ecoartabria queremos axudar á xente que no 2023 quere reducir a súa pegada ambiental e axudar así a combater os efectos do cambio climático, que por desgraza son cada vez máis extremos. Velaquí as nosas propostas:

1.- Reduce o teu consumo

O ano comeza marcado polo período de rebaixas, unha estratexia comercial que incita a consumir cousas que moitas veces non precisamos. Non caer nesta ‘trampa’ debería ser o primeiro propósito para 2023, un ano no que todo fai presaxiar que imos ter que volver a apretar o cinto.

 2.- Aposta por produtos locais, ecolóxicos e de tempada

Á hora de elixir o que mercamos é preciso ter en conta a pegada ambiental dese produto. Pensar en cantos quilómetros ten percorrido até chegar as nosas mans, os recursos que se teñen empregado na súa produción ou como ven presentado. Neste senso, os produtos locais, ademais de fomentar a economía da zona, supoñen unha excelente alternativa. E se son ecolóxicos e de tempada, aínda mellor. O importante, novamente, é facer un consumo responsable para evitar outro dos grandes males da sociedade de consumo: o desperdicio alimentario.

 3.- Aparca o coche

O transporte é un dos sectores que máis contribúe ao quecemento global, xa que é unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro. Así, reducir o uso do vehículo privado e apostar por outros medios de transporte máis sostibles, como o tren ou o bus, estaríamos a reducir a nosa pegada. Ademais, se eliximos camiñar ou ir en bici, non só non estaremos contaminando, senón que contribuiremos a mellorar a nosa saúde e, indirectamente, a da xente que nos rodea.

 4.- Pásate ao verde

Outra das cousas que axuda a mellorar a saúde, segundo demostran recentes estudos científicos, é rodearnos de verde. Porén, nas contornas urbanas non sempre é sixelo. Aínda así, podemos encher os nosos pisos de plantas ─informándonos antes de cales son as máis acaídas─ que non só fan máis agradables as estancias da nosa casa, senón que tamén purifican o aire que respiramos.

As plantas non teñen por que ser ornamentais. De feito, cada vez son máis as persoas que transforman as súas cociñas en pequenas hortas urbanas nas que produtos como o cilantro, o perixel ou o cebollino están ao alcance da man.

5.- ‘Tira’ de tupper e de termo

Outro bo propósito para o ano que entra é prescindir de envases para o transporte de alimentos e bebidas. Moita da xente que ten que comer fóra de casa está afeita a levar a comida nos tuppers, o que contribúe tamén a reducir o gasto en alimentación. O que non é tan frecuente é ver esos recipientes en supermercados ou tendas de alimentación, onde poden resultar unha alternativa aos envoltorios e envases que ofertan estas superficies e que, polo xeral, están compostas de plásticos.

No caso das bebidas, o termo é o aliado perfecto, tanto para levar auga (da billa) no canto da embotellada, como para enchelo de café e prescindir así dos vasos de un só uso.

6.- Revisa os teus consumos

Nos últimos meses, coa seca e a crise enerxética derivada da guerra en Ucraína, foron moitas as persoas que prestaron por primeira vez atención aos seus consumos de enerxía e auga. Son moitos os trucos para aforrar (nesta sección de Econsellos irémosvos mostrando algúns deles) e así reducir a nosa dependencia de enerxías fósiles. Apostar polo autoconsumo e a eficiencia enerxética na medida do posible será unha das mellores accións que podes levar a cabo no ano que entra.

Tampouco está de máis que investigues alternativas á hora de escoller a compañía que te presta un servizo. Así, poderás descubrir cooperativas como a galega Nosa Enerxía, que aposta firmemente noutro modelo enerxético; entidades financeiras concienciadas coa defensa do medio ambiente ou compañías de teléfonía locais que contribúen a fixar poboación no rural.

7.- Recicla máis e mellor

Sabemos que a túa preocupación polo medio ambiente lévate a separar os residuos para a súa correcta reciclaxe, pero seguro que hai algún proceso no que podes mellorar, por exemplo na xestión dos residuos orgánicos ou na clasificación de outros residuos, como as bombillas, as radiografías, os aparellos electrónicos ou o aceite, que moitas veces non separamos correctamente.

 8.- Vacacións en verde

Á hora de elixir o destino das nosas vacacións non sempre temos que pensar nun enclave exótico. En Galicia, mesmo en territorios veciños como o norte de Portugal, Castela León ou Asturias, temos infinidade de paraxes nos que poder evadirnos sen necesidade de disparar a nosa pegada ambiental. Iso si, visitar estas paraxes tense que facer tamén do modo máis sostible posible, para non comprometer a súa conservación. Planificar a saída con tempo é sempre unha boa opción.

9.- Apúntate ao voluntariado ambiental

Unha forma de non por en risco a conservación dos espazos naturais é xustamente contribuír á súa mellora con actividades de voluntariado. No Arco Ártabro existen moitas entidades dedicadas á recuperación do bosque autóctono, de espazos naturais degradados ou comprometidas coa retirada de plásticos e lixo das nosas costas coas que poder colaborar. Tamén se pode contribuír a estes obxectivos de forma individual, por exemplo retirando residuos que atopemos cando vaiamos á praia ou apoiando económicamente iniciativas nestes ámbitos.

10.- Desfaite do que non precisas

Moitas persoas están rodeadas de cousas que non precisan. O primeiro paso é pensar ben antes de facernos con elas, como apuntabamos no primeiro punto, pero tamén hai que saber desfacerse delas cando realmente non lles damos uso.

A mellor saída é donar estes produtos para que a xente sen recursos poida acceder a eles. Tamén hai quen prefire sacar cartos por eles recurrindo ao mercado de segunda man, unha alternativa tamén interesante, pois un produto neste mercado fai que non sexa preciso producir un novo para o mercado tradicional, o que supón un importante aforro de recursos (materias primas, enerxía, transporte…).

 11.- Elixe o máis ecolóxico

Tamén, entre as cousas que temos podemos investigar se existen alternativas máis ecolóxicas. Por exemplo, un cepillo de dentes pode ser électrico (o menos ecolóxico), de plástico ou de materiais respectuosos co medio. O teléfono da casa pode ser inalámbrico e conectado á corrente eléctrica ou funcionar só conectado á clavixa do teléfono. Realmente necesitamos a electricidade para todos estes produtos? O mesmo podes preguntarte para o plástico, un material que esta máis presente nas nosas vidas do que realmente precisamos. 

12.- Planta unha árbore

Deixamos este propósito para o final, xa que non só é un propósito para o ano que entra, senón que é unha meta vital para moitas persoas. Sexa como for, a realidade é que plantar unha árbore, ou apoiar iniciativas que as planten por nós, é a maneira máis rápida e sinxela de reducir a nosa pegada no medio, ademais de constituír un xesto altruista, xa que esa árbore non só achegará sombra, oxíseno, e froitos a quen o plante, senón a toda persoa que estea ao seu carón.

Galicia reduce as emisións contaminantes nas últimas décadas mais segue sen ter un aire limpo

Galicia reduce as emisións contaminantes nas últimas décadas mais segue sen ter un aire limpo

Vista da central térmica de As Pontes / Endesa.

Os datos oficiais recollidos polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) no seu informe sobre as emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020) constatan «importantes descensos» nas emisións de gases acifidificantes, gases precursores de ozono e partículas finas entre 1990 e 2020. Porén, apuntan, «aínda son insuficientes para garantir un aire limpo».

O informe, con datos extraídos do inventario español do Ministerio para a Transición Ecolóxica, evidencia que as emisións de contaminantes atmosféricos baixaron en maior medida que as de gases de invernadoiro. Os únicos contaminantes atmosféricos que non reduciron a súa presencia foron o metano e o amoníaco.

No que atinxe ás emisións de gases acidificantes, estas reducíronse 81% en 2020, e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo, 42% en comparación con 1990. Pola súa banda, as de partículas finas baixaron 46% en relación a 2000.

A redución das emisións contaminantes aínta é insuficiente para garantir un aire limpo

Respecto ás emisións de gases de efecto invernadoiro, minguaron 36% con respecto a 1990, lonxe aínda do obxectivo de 65% que se debería acadar en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París, apuntan desde o OGACLI.

Considerando individualmente os contaminantes, destaca o descenso en 98% das emisións de óxidos de xofre e en 59% das de monóxido de carbono. Pola contra, medraron as emisións de metano e de amoníaco, 8% e 5%, respectivamente.

Tecnoloxía e transición enerxética

O informe do OGACLI destaca que detrás destas melloras nas emisións están os avances tecnolóxicos e o proceso de transición enerxética cara sistemas de renovables. Neste senso, apuntan como principal causa do descenso durante as últimas décadas á substitución do carbón na xeración eléctrica e melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e centrais de carbón.

O sector que máis contribuíu no noso país á diminución das emisións á atmosfera foi o enerxético. As súas emisións de gases acidificantes descenderon 99%; as de precursores do ozono, 91%, e as de gases causantes de cambio climático, 78%, sempre en relación aos valores de 1990. Ademais, reduciu as emisións de partículas finas 95% entre 2000 e 2020.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é na actualidade a maior fonte de contaminantes atmosféricos.

O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2020 a principal fonte de gases acidificantes (59% das emisión totais), mentres que o transporte e a maquinaria móbil liderou as emisións de gases precursores do ozono malo (41%). No tocante ás partículas finas, a combustión non industrial (principalmente doméstica) foi a maior fonte (42%).

Respiramos aire sucio

A diminución xeral das emisións de contaminantes atmosféricos axudou a reducir as concentracións de contaminantes no aire que respiramos (niveis de inmisión). Porén, sinalan desde o Observatorio, «toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde, segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis esixentes que a normativa legal en vigor. Isto é debido principalmente aos niveis excesivos de partículas finas e de ozono troposférico que, en diversa medida, afectan tanto a Galicia urbana como a rural».

Toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde

Así, conclúen, «tanto para mellorarmos a calidade do aire como para combatermos a emerxencia climática, urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais».

OK Zona E-bike: As bicicletas eléctricas toman a cidade

OK Zona E-bike: As bicicletas eléctricas toman a cidade

As bicis de OK Zona E-Bike triunfan entre os cruceiristas / Xoán Roberes

Din que as bicicletas son para o verán, mais dun tempo a esta parte estes vehículos de dúas rodas están a transformar a dinámica da mobilidade nas cidades. No caso da Coruña, o Concello, que nesta lexislatura incrementou notablemente a lonxitude do carril bici, apostou este verán por renovar a súa flota de bicis públicas, incluíndo por primeira vez vehículos con asistencia eléctrica.

Máis a chegada das bicis eléctricas a Coruña é moi anterior. Óscar Santalla, un galego que pasou a maior parte da súa vida emigrado en Venezuela, puxo en marcha á súa volta un negocio de alugueiro de bicicletas eléctricas chamado OK Zona E-bike que non parou de medrar desde entón.

Comezou con 8 vehículos, algún dos cales ten xa máis de 31.000 kilómetros ás súas costas. Agora son perto de 20 as bicicletas que conforman a súa flota, moi demandadas entre os cruceiristas que chegan á cidade por ser o medio ideal para moverse con axilidade polas súas rúas, contando ademais coa asistencia eléctrica para facer fronte a algunhas das empinadas pendentes da orografía herculina.

Como explica o propio Óscar Santalla, o seu é un negocio “pensado para o turismo, xa que é a mellor forma de coñecer unha cidade. Áxil, bonita, ecolóxica e económica. A bici teno todo”, apunta.

Hai quen podería pensar que estas bicis consomen moita enerxía, pero a realidade é que teñen unha autonomía bastante grande (uns 200 quilómetros) e cárganse cun dispositivo cunha potencia similar á de un cargador de móbil. “Medido, consómeme máis o ordenador que oito bicicletas cargando ao mesmo tempo”, asegura Santalla.

Respecto á clientela, o propietario deste estabelecemento recoñece que a xente de fóra está máis afeita ás bicicletas, aínda que a cultura das dúas rodas vai callando na cidade. “Nos seis anos que levo aberto notouse o aumento no uso das bicis. Ao principio ninguén coñecía as eléctricas, agás a xente de fóra, turistas de calquera idade que viñan e as alugaban”, xa que, como apunta este pioneiro da electromobilidade urbana, unha das vantaxes que teñen é que as poden manexar persoas maiores sen moito esforzo.

“As bicis son unha forma áxil, bonita, ecolóxica e económica de coñecer unha cidade”

As bicis eléctricas son, pois, unha alternativa máis que interesante para que a xente de fóra poida desfrutar da cidade. E para facer desta experiencia algo máis exclusivo, ofrecen, ademais do alugueiro das bicis (con posibilidade de incorporarlle unha silla infantil sen recargo), aventuras personalizadas con guía bilingüe.

Como sinala Santalla, OK Zona E-bike ten por diante anos para consolidarse nun sector que “ten aínda moita marxe de crecemento”. De feito, a firma está en pleno proceso de renovación e ampliación da súa frota, pois moitos dos días queda sen bicis para dar resposta á demanda existente.

Óscar Santalla, propietario de OK Zona E-Bike / Xoán Roberes


Dinahosting: dominios e aloxamento web

Bicicoruña bate récord e supera as 250.000 viaxes nun só ano

Bicicoruña bate récord e supera as 250.000 viaxes nun só ano

Bicis na estación dos Cantóns / Xoán Roberes.

As bicicletas seguen a gañar presencia nas cidades como alternativa de mobilidade ao vehículo privado. Tanto é así que o Concello da Coruña vén de comunicar que Bicicoruña, o servizo público de alugueiro de bicicletas, superou por primeira vez as 250.000 viaxes nun só exercicio, o que representa máis dunha viaxe por cada habitante.

Así o comunicou hoxe a alcaldesa da cidade, Inés Rey, nunha rolda de prensa na que tamén anunciou que, desde a renovación do servizo este verán, o número de persoas usuarias prácticamente duplicouse, ao pasar das 3.058 con que contaba en xuño deste ano ás case 6.000 usuarias (5.680) con que conta inscritas Bicicoruña na actualidade.

“Por primeira vez na historia de BiciCoruña, o servizo rebasou o cuarto de millón de usos nun só exercicio”

Neste sentido, Rey detallou que, no que vai de ano, BiciCoruña acumula un total de 266.701 usos, unha cifra á que se chega tras os catro meses consecutivos, entre agosto e novembro, nos que a plataforma rexistrou récords mensuais de usos diarios.

“Neste mes, no que habitualmente se detectaba un descenso dos usos por cuestións meteorolóxicas, os vehículos de BiciCoruña recibiron 36.000 usos, o dobre do anterior récord para este mes, que estaba en algo máis de 18.000 no ano 2017”, explicou a alcaldesa.

Na actualidade, Bicicoruña conta cunha frota de 514 vehículos (172 bicicletas eléctricas e 342 mecánicas) repartidos entre as 28 estacións operativas, unha rede que vaise ampliar nos próximos meses até as 55 estacións, segundo as previsións de Mobilidade.

Tamén medra o bus

Na mesma comparecencia, a rexedora coruñesa tamén deu conta da boa marcha do servicio de autobús, que experimentou un incremento de 18,1% desde o pasado 1 de setembro, en parte grazas ao desconto de 30 % aprobado polo Goberno municipal con fondos do Estado. 

Así, a Compañía de Tranvías contabilizou máis de 3,9 millóns de viaxes, o que supón 600.000 viaxes máis que no mesmo tramo temporal ─do 1 de setembro a comezos de novembro─ de 2021.

Ademais, a bonificación municipal ás liñas de autobús universitario, medida que entrou en vigor o pasado 3 de outubro, favoreceu o incremento das viaxes. Rexistráronse 207.000, o que representa 15,3 % máis que no mesmo período do ano pasado, “case 28.000 desprazamentos máis”, subliñou Rey.


Dinahosting: dominios e aloxamento web