Navantia fecha un novo acordo para a construción de 62 ‘jackets’ en Fene

Navantia fecha un novo acordo para a construción de 62 ‘jackets’ en Fene

Vista do estaleiro de Navantia en Fene / Navantia Seanergies

O estaleiro público Navantia vén de anunciar a sinatura dun acordo de reserva de capacidade coa firma Ocean Winds para a fabricación por parte do consorcio Navantia-Windar de 62 ‘jackets’ para aeroxeradores nas súas instalacións de Fene, con destino ao seu parque eólico mariño de Dieppe le Tréport, en augas do norte de Francia.

Este proxecto, que se materializará proximamente nun contrato, é o de maior envergadura encargado a Windar-Navantia até a data. O parque francés de Dieppe le Tréport contará cunha capacidade de xeración de 496 megawatts (MW), suficientes para abastecer de electricidade sostible unhas 850.000 persoas ao ano a partir de 2026.

O parque é propiedade do consorcio formado pola empresa española Ocean Winds (formada pola francesa ENGIE e a portuguesa EDP Renováveis), a xaponesa Sumitomo Corporation e a entidade financeira francesa Banque des Territoires.

O contrato é o de maior envergadura encargado a Windar-Navantia até a data

Os traballos de fabricación iniciaranse no estaleiro de Fene no primeiro trimestre de 2023, cunha duración aproximada de dous anos e catro millóns de horas de traballo.

As ‘jackets’ son un tipo de cimentación fixa realizada en aceiro que serve de base para os aeroxeradores que se instalan no mar. As deste contrato serán jackets de catro patas, cun peso de ao redor de 1.000 toneladas.

Ademais, Navantia Seanergies construirá en Puerto Real dous jackets de subestación, unha delas para a subestación eléctrica deste parque e a segunda destinada ao parque de Îles d’Yeu et Noirmoutier. Ambos os proxectos contan con capacidade reservada en Puerto Real desde o pasado xuño.

Este mesmo proxecto tamén dará ocupación adicional a Windar Renovables, que nas súas instalacións de Avilés fabricará 248 piles.

Encarga de monopiles

Ocean Winds xa anunciou o pasado mes de xullo a contratación a Navantia-Windar en 2022 de 14 monopiles que se construirán na nova fábrica de Fene. Os monopiles son un tipo de cimentación fixa, distinta da jacket, que consiste nun piar único para cada aeroxerador.

Navantia Seanergies é a marca de Navantia para o negocio de enerxías verdes. Foi lanzada en abril de 2022 coa previsión de asinar contratos valorados en 500 millóns de euros nos seus primeiros meses e lograr a medio prazo unha facturación de máis de 350 millóns de euros ao ano.


Dinahosting: dominios e aloxamento web