Naturgy, Repsol e Reganosa proxectan un ‘hub’ de hidróxeno verde en Cerceda

Naturgy, Repsol e Reganosa proxectan un ‘hub’ de hidróxeno verde en Cerceda

Antiga central térmica de Meirama, en Cerceda / Xoán Roberes

Naturgy, Repsol e Reganosa anuncian unha alianza para desenvolver un nodo (‘hub) de produción de hidróxeno renovable en Galicia. En concreto, as tres firmas proxectan a instalación dunha planta de electrólise alimentada con enerxía 100% renovable nos terreos da antiga central térmica de Meirama, no municipio de Cerceda.

A planta de hidróxeno renovable terá unha potencia inicial de 30 megawatts (MW), escalable en distintas fases ata un potencial total de 200 MW. Producirá máis de 4.000 toneladas de hidróxeno renovable ao ano nunha primeira fase e alcanzará unha produción total de 30.000 toneladas anuais, apuntan as entidades impulsoras.

O hidróxeno renovable xerado destinarase a uso industrial para substituír o hidróxeno convencional que actualmente utiliza a refinería de Repsol na Coruña. Tamén se utilizará noutras industrias, na inxección na rede gasista para ser mesturado con gas natural e en mobilidade. 

A directora de Novos Negocios en Naturgy, Silvia Sanjoaquín, sinalou que «este proxecto permitirá acelerar a introdución do hidróxeno en sectores como o enerxético, o industrial ou o do transporte, ademais de redundar nun gran impacto sobre a economía local, nun emprazamento de transición xusta como o de Meirama». 

O hidróxeno renovable é un dos piares de Repsol na súa estratexia para alcanzar as cero emisións netas en 2050. Para Tomás Malango, director de Hidróxeno da compañía «este proxecto forma parte da estratexia de hidróxeno renovable de Repsol en Galicia e supón un fito na transformación da refinería da Coruña nun polo multienergético que proporcione produtos descarbonizados á sociedade».

O proxecto permitirá acelerar a introdución do hidróxeno en sectores como o enerxético, o industrial ou o do transporte

Pola súa banda, o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, subliñou que «hai 15 anos dotamos a Galicia dunha infraestrutura chave para a chegada do gas, e a competitividade da nosa industria mellorou substancialmente. Agora, baixo o liderado da Xunta de Galicia e rodeados dos mellores socios, estamos a participar na configuración dun novo ecosistema enerxético».

Descarbonizar a industria

Como remarcan os promotores do proxecto, o hidróxeno renovable será un piar na transformación Industrial da refinería de Repsol, pois permitirá a fabricación de produtos de baixa, nula e mesmo negativa pegada de carbono, como combustibles renovables e distintos compoñentes para o sector sanitario, téxtil ou de envasado de alimentos, entre outros.

Este hub de hidróxeno forma parte das iniciativas enerxéticas estratéxicas impulsadas pola Xunta de Galicia no marco do programa EU Next Generation e do Plan de Recuperación e Resiliencia nacional. O seu obxectivo é fomentar o crecemento económico, a xeración de emprego e o desenvolvemento dun tecido empresarial competitivo, sostible e circular.


Dinahosting: dominios e aloxamento web