Unha nova senda ciclista une a contorna de Cecebre con Carral

Unha nova senda ciclista une a contorna de Cecebre con Carral

Nova Senda ZEC ao seu paso por Cecebre / Deputación da Coruña.

Unha nova senda ciclista de 32 quilómetros une a contorna do encoro de Cecebre e Carral. Trátase dun itinerario, cuxas obras vén de rematar a Deputación da Coruña, que percorre un dos espazos naturais de referencia do Arco Ártabro e atravesa os concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre e Carral.

Con motivo da posta en servizo desta nova infraestrutura, o organismo provincial organiza unha andaina e marcha cicloturista o domingo 12 de febreiro que servirá de inauguración oficial. A saída está prevista para as 9:30 horas do pavillón de Guísamo (Bergondo) e a chegada, para as 15:30 horas no Campo da Feira de Carral.

Segundo explican desde a Deputación, serán en total 18 quilómetros de marcha a pé ou en bici nos que ademais haberá un punto de avituallamento intermedio en Abegondo, concretamente na Cidade Deportiva do Mundo do Fútbol do Real Club Deportivo de la Coruña.

A actividade é gratuíta pero para participar é necesario inscribirse antes do 3 de febreiro cubrindo o formulario habilitado na páxina web da Deputación.

O proxecto da Senda ZEC contou cun investimento de 2.150.688 euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A Deputación da Coruña asumiu directamente a xestión das actuacións, que se dividiron en tres tramos: o primeiro deles atravesa os municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral, mentres que o segundo e o terceiro percorren Abegondo e Carral.

Contorna privilexiada

O novo carril bici está na súa maior parte no territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e ao longo dos seus 32 quilómetros de percorrido bordea o encoro de Cecebre, saíndo despois un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral.

O camiño pasa por núcleos de poboación como Sarandóns e lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.

O deputado provincial de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, destaca que esta iniciativa se enmarca nos traballos da Deputación para crear 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses. Un proxecto, apunta, que conta tamén co cofinanciamento de fondos FEDER e que inclúe a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conecta o municipio de Cerceda co de Oroso empregando as antigas vías de ferrocarril e que este se estenderá até Compostela.

Augas de Galicia carga á cidadanía o custo de suprimir presas nos ríos Lambre e Mandeo

Augas de Galicia carga á cidadanía o custo de suprimir presas nos ríos Lambre e Mandeo

Central eléctrica de Güimil /AEMS-Ríos con Vida

Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, emitiu na última semana dúas resolucións nas que decreta a caducidade de dúas concesións de encoros fóra de uso na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Mais o curioso é que en ámbalas dúas atribúeselle á Xunta, con cargo a cartos públicos, asuimir a obriga de mantelas.

Segundo lembra nun comunicado AEMS-Ríos con Vida, asociación dedicada á conservación e restauración dos ríos, «na propia normativa queda moi claro que son as propias concesionarias as que deben asumir a demolición ao final da vida útil, o que foi corroborado pola xurisprudencia», polo que este proceder, denuncia, «rompe un elemental principio xurídico concesional, cargando o seu custo ás arcas públicas. Noutras palabras, trátase de privatizar beneficios e, por outra banda, socializar perdas e custos».

A primeira das resolucións afecta ao río Lambre, que agora mesmo está nunha situación de degradación por culpa da presa de Güimil, pero conta cunha moi boa oportunidade de ser recuperado para diversas especies como o salmón, o reo, a lamprea e a anguía, entre outras, apuntan desde a asociación.

Á presa deste río, que se atopa entre os municipios de Vilarmaior e Irixoa, caducáralle a concesión fai dez anos. Augas de Galicia decreta agora a caducidade, pero libera á compañía (Naturgy), que até o de agora explotou esa concesión, de asumir os custos de demoler esa presa.

Esta resolución de Augas de Galicia vén rexeitar o recurso de alzada interposto por AEMS-Ríos con Vida contra a resolución do 25/01/2022 pola que se declara a extinción, por transcurso do prazo concesional, da concesión outorgada en 1929 no río Lambre.

Na súa argumentación, Augas de Galicia indica que «a decisión adoptada na resolución recorrida de reversión á administración hidráulica e adscrición á Comunidade Autónoma de Galicia de todas as infraestruturas, obras, terreos e bens afectos ao aproveitamento hidroeléctrico de Güimil está suficientemente motivada, fundamentándose nos criterios técnicos do informe do servizo encargado do organismo de conca, así como no informe da asesoría xurídica de 03/12/2021».

Central no Mandeo

A outra resolución corresponde ao río Mandeo. Neste sentido, Augas de Galicia tamén desestima o recurso de alzada interposto por AEMS-Ríos con Vida, contra a resolución do 09/03/2022 no que solicita que se estableza a obriga á empresa concesionaria, Enel Green Power, de demoler as obras da Central da Castellana, no Mandeo, entre os concellos de Aranga e Curtis e, ao igual que a presa de Güimil, na zona protexida pola UE e declarada Reserva da Biosfera do Mandeo.

Nesta liña, AEMS-Ríos con Vida alerta de que as dúas resolucións de Augas de Galicia «implican un problema importante para a sociedade galega e para a propia Administración, que deberán asumir custos que realmente corresponden a quen estivo explotando. En ambos os casos, permanece a presa interrompendo o río e alterando gravemente os seus valores naturais, pero déixaselle á sociedade pagar esa demolición, cando na lei está claro que é a concesionaria quen ten que repoñer o río no seu estado anterior á construción da presa».


Dinahosting: dominios e aloxamento web

Un estudo da UDC propón a recuperación integral do río Barcés

Un estudo da UDC propón a recuperación integral do río Barcés

Río Barcés / UDC

O río Barcés comunica o lago de Meirama e o río Mero, do que “beben” moitos dos concellos da área metropolitana da Coruña. A Universidade da Coruña (UDC), dentro da Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable e co apoio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, vén de presentar hoxe a segunda parte dun estudo na que chama a atención sobre a necesidade de actuar neste espazo fluvial.

En concreto, as persoas expertas que participaron na elaboración do documento propoñen medidas como a mellora da conectividade do río, a limitación das vías de entrada para especies invasoras ou a limitación do uso forestal e da presión agrícola como actuacións prioritarias.

Na mesma liña, suxiren o reforzo da cobertura arbórea do bosque de ribeira, favorecendo a segunda ringleira en tramos dunha liña e formando zonas núcleo restaurando bosque nos meandros do río, un patrón de nodos e conectores que favorezan a conectividade.

Os bosques de ribeira como o Barcés son formacións naturais que actúan como elemento protector e regulador para moitas especies sensibles e procesos ecolóxicos, e achegan servizos ecosistémicos esenciais como servir de filtro de contaminantes, previr avenidas e regular a calidade da auga limitando o quecemento. Ademais, o bosque de ribeira ten un gran valor paisaxístico, recreativo e cultural.

O estudo, presentado hoxe, Bosque de ribeira do río Barcés, un proxecto de futuro, financiada pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable, coordinada pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e desenvolvido polo equipo da UDC baixo a direción das investigadoras María José Servia e Jaime Fagúndez.

O bosque de ribeira ten un gran valor paisaxístico, recreativo e cultural

Comezou no ano 2021 cunha primeira fase de estudo do bosque de ribeira, o seu estado de conservación e posibles problemáticas ambientais que puidesen reverterse, mentres que esta segunda parte centrouse na avaliación do seu estado ecolóxico

Especies invasoras

Nesta segunda fase, os traballos de prospección detectaron no curso do río diferentes problemas asociados á perda de naturalidade por presenza de especies exóticas invasoras (nun 85,7% dos tramos), e por presión de especies forestais (nun 74,2%).

As invasoras máis frecuentes foron Tradescantia fluminensis, atopada en 14 dos 35 subtramos, e a falsa acacia (Robinia pseudocacia) en sete.

Os impactos de perda de continuidade do bosque por estradas acada o 37,1%, e por gasodutos ou liñas de alta e media tensión, un 40%.  A perda de estrutura horizontal do bosque observouse nun 57,1%, e lonxitudinal nun 28,5%. Outros impactos indirectos proveñen dos cambios na dinámica do río como as canalizacións ou barreiras, e a presenza de residuos no bosque.

O proxecto continúa avanzando con vocación de axudar a administracións e propietarios a facer un uso sustentable do río Barcés e a súa contorna, mellorar o estado do seu bosque de ribeira, e conservar os seus tesouros, apuntan os seus promotores.


Dinahosting: dominios e aloxamento web