Augas de Galicia carga á cidadanía o custo de suprimir presas nos ríos Lambre e Mandeo

Augas de Galicia carga á cidadanía o custo de suprimir presas nos ríos Lambre e Mandeo

Central eléctrica de Güimil /AEMS-Ríos con Vida

Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, emitiu na última semana dúas resolucións nas que decreta a caducidade de dúas concesións de encoros fóra de uso na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Mais o curioso é que en ámbalas dúas atribúeselle á Xunta, con cargo a cartos públicos, asuimir a obriga de mantelas.

Segundo lembra nun comunicado AEMS-Ríos con Vida, asociación dedicada á conservación e restauración dos ríos, «na propia normativa queda moi claro que son as propias concesionarias as que deben asumir a demolición ao final da vida útil, o que foi corroborado pola xurisprudencia», polo que este proceder, denuncia, «rompe un elemental principio xurídico concesional, cargando o seu custo ás arcas públicas. Noutras palabras, trátase de privatizar beneficios e, por outra banda, socializar perdas e custos».

A primeira das resolucións afecta ao río Lambre, que agora mesmo está nunha situación de degradación por culpa da presa de Güimil, pero conta cunha moi boa oportunidade de ser recuperado para diversas especies como o salmón, o reo, a lamprea e a anguía, entre outras, apuntan desde a asociación.

Á presa deste río, que se atopa entre os municipios de Vilarmaior e Irixoa, caducáralle a concesión fai dez anos. Augas de Galicia decreta agora a caducidade, pero libera á compañía (Naturgy), que até o de agora explotou esa concesión, de asumir os custos de demoler esa presa.

Esta resolución de Augas de Galicia vén rexeitar o recurso de alzada interposto por AEMS-Ríos con Vida contra a resolución do 25/01/2022 pola que se declara a extinción, por transcurso do prazo concesional, da concesión outorgada en 1929 no río Lambre.

Na súa argumentación, Augas de Galicia indica que «a decisión adoptada na resolución recorrida de reversión á administración hidráulica e adscrición á Comunidade Autónoma de Galicia de todas as infraestruturas, obras, terreos e bens afectos ao aproveitamento hidroeléctrico de Güimil está suficientemente motivada, fundamentándose nos criterios técnicos do informe do servizo encargado do organismo de conca, así como no informe da asesoría xurídica de 03/12/2021».

Central no Mandeo

A outra resolución corresponde ao río Mandeo. Neste sentido, Augas de Galicia tamén desestima o recurso de alzada interposto por AEMS-Ríos con Vida, contra a resolución do 09/03/2022 no que solicita que se estableza a obriga á empresa concesionaria, Enel Green Power, de demoler as obras da Central da Castellana, no Mandeo, entre os concellos de Aranga e Curtis e, ao igual que a presa de Güimil, na zona protexida pola UE e declarada Reserva da Biosfera do Mandeo.

Nesta liña, AEMS-Ríos con Vida alerta de que as dúas resolucións de Augas de Galicia «implican un problema importante para a sociedade galega e para a propia Administración, que deberán asumir custos que realmente corresponden a quen estivo explotando. En ambos os casos, permanece a presa interrompendo o río e alterando gravemente os seus valores naturais, pero déixaselle á sociedade pagar esa demolición, cando na lei está claro que é a concesionaria quen ten que repoñer o río no seu estado anterior á construción da presa».


Dinahosting: dominios e aloxamento web

Nace o referente da información ambiental no Arco Ártabro

Nace o referente da información ambiental no Arco Ártabro

Vista do río Mandeo / Xoán Roberes

O medioambiente está a ser nos últimos anos unha cuestión que preocupa cada vez máis ás persoas, básicamente porque aspectos como o cambio climático, a desaparición de hábitats ou a perda de biodiversidade pasaron de ser algo do que falaban as e os científicos a converterse nunha realidade que nos toca moi de preto.

Con todo, o territorio que abrangue o Arco Artabro, delimitado polas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol, pode presumir aínda de contar con espazos tan privilexiados como o Parque Natural das Fragas do Eume, a reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e moitos outros lugares de relevancia para a preservación da vida en todas as súas formas.

Porén, tamén existen moitas ameazas en forma de proxectos industriais, desenvolvementos inmobiliarios ou as propias accións do ser humano que están a por en perigo a súa pervivencia.

Por sorte, son moitos os colectivos que loitan por conservar todas estas riquezas e concienciar sobre a necesidade de reducir o noso impacto no medio. Agora todos eles van contar cun medio como Ecoartabria, que fará as veces de altofalante para que a súa mensaxe chegue ao maior número de xente posible.

Ecoartabria nace pois coa ambición de ser un referente no eido medioambiental no Arco Ártabro, informando do que acontece en todos os concellos deste territorio e dando a coñecer as empresas e institucións que teñen no seu ADN principios como a ecoloxía ou a sustentabilidade.

Ademais, periódicamente achegará consellos útiles para que cada quen na súa casa tamén poida facer pequenas contribucións ao obxectivo de preservar e mellorar a nosa contorna.

Por último, na sección Muro Verde, as empresas que, sen ser ‘verdes’, contribúan á mellora do medio ambiente tamén terán un espazo para dar a coñecer os seus proxectos.

En definitiva, Ecoartabria nace como un novo medio que ten o medio ambiente como eixo cental que aposta no xornalismo de proximidade, facendo boa a máxima de pensar globalmente e actuar localmente.


Dinahosting: dominios e aloxamento web