Unha nova senda ciclista une a contorna de Cecebre con Carral

Unha nova senda ciclista une a contorna de Cecebre con Carral

Nova Senda ZEC ao seu paso por Cecebre / Deputación da Coruña.

Unha nova senda ciclista de 32 quilómetros une a contorna do encoro de Cecebre e Carral. Trátase dun itinerario, cuxas obras vén de rematar a Deputación da Coruña, que percorre un dos espazos naturais de referencia do Arco Ártabro e atravesa os concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre e Carral.

Con motivo da posta en servizo desta nova infraestrutura, o organismo provincial organiza unha andaina e marcha cicloturista o domingo 12 de febreiro que servirá de inauguración oficial. A saída está prevista para as 9:30 horas do pavillón de Guísamo (Bergondo) e a chegada, para as 15:30 horas no Campo da Feira de Carral.

Segundo explican desde a Deputación, serán en total 18 quilómetros de marcha a pé ou en bici nos que ademais haberá un punto de avituallamento intermedio en Abegondo, concretamente na Cidade Deportiva do Mundo do Fútbol do Real Club Deportivo de la Coruña.

A actividade é gratuíta pero para participar é necesario inscribirse antes do 3 de febreiro cubrindo o formulario habilitado na páxina web da Deputación.

O proxecto da Senda ZEC contou cun investimento de 2.150.688 euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A Deputación da Coruña asumiu directamente a xestión das actuacións, que se dividiron en tres tramos: o primeiro deles atravesa os municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral, mentres que o segundo e o terceiro percorren Abegondo e Carral.

Contorna privilexiada

O novo carril bici está na súa maior parte no territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e ao longo dos seus 32 quilómetros de percorrido bordea o encoro de Cecebre, saíndo despois un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral.

O camiño pasa por núcleos de poboación como Sarandóns e lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.

O deputado provincial de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, destaca que esta iniciativa se enmarca nos traballos da Deputación para crear 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses. Un proxecto, apunta, que conta tamén co cofinanciamento de fondos FEDER e que inclúe a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conecta o municipio de Cerceda co de Oroso empregando as antigas vías de ferrocarril e que este se estenderá até Compostela.

Cabanas explora a creación dunha comunidade enerxética local

Cabanas explora a creación dunha comunidade enerxética local

As comunidades enerxéticas favorecen o aforro e a eficiencia / IDAE.

O Concello de Cabanas, a través da súa área de Medio Ambiente, vén de convocar unha asemblea para explorar a posibilidade de constituír unha comunidade enerxética na parroquia de Laraxe. A cita será o vindeiro venres, 13 de xaneiro, ás 20 horas no Local Social desta parroquia.

Segundo explica o concello nun comunicado, o obxectivo desta convocatoria é explicar os pormenores das comunidades enerxéticas locais ─unha agrupación voluntaria de persoas, empresas e institucións que se asocian para xerar, distribuír e compartir enerxía renovable─ e coñecer canta xente podería estar interesada na iniciativa para saber se esta é viable, como paso previo á súa creación.

«Queremos explorar a posibilidade de crear unha comunidade enerxética local, unha opción que permite crear un modelo enerxético máis social, máis sostíbel e que ademais permite reducir a factura da luz até 30% por fogar de media», destaca o tenente alcalde e concelleiro de medio ambiente de Cabanas, Iago Varela.

«Comezariamos pola parroquia de Laraxe, dado que a súa distribución, densidade e orientación fana particularmente propicia para este fin», explica Varela, quen apunta que, de resultar unha iniciativa viable, o seguinte paso sería a creación dunha asociación que daría forma á comunidade, para pasar despois a deseñar os primeiros proxectos de xeración de enerxía.

As persoas interesadas en participar, ademais de asistiren á asemblea, poden enviar os seus datos a través deste formulario habilitado polo Concello.

Galicia reduce as emisións contaminantes nas últimas décadas mais segue sen ter un aire limpo

Galicia reduce as emisións contaminantes nas últimas décadas mais segue sen ter un aire limpo

Vista da central térmica de As Pontes / Endesa.

Os datos oficiais recollidos polo Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) no seu informe sobre as emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020) constatan «importantes descensos» nas emisións de gases acifidificantes, gases precursores de ozono e partículas finas entre 1990 e 2020. Porén, apuntan, «aínda son insuficientes para garantir un aire limpo».

O informe, con datos extraídos do inventario español do Ministerio para a Transición Ecolóxica, evidencia que as emisións de contaminantes atmosféricos baixaron en maior medida que as de gases de invernadoiro. Os únicos contaminantes atmosféricos que non reduciron a súa presencia foron o metano e o amoníaco.

No que atinxe ás emisións de gases acidificantes, estas reducíronse 81% en 2020, e as de gases precursores do ozono troposférico ou malo, 42% en comparación con 1990. Pola súa banda, as de partículas finas baixaron 46% en relación a 2000.

A redución das emisións contaminantes aínta é insuficiente para garantir un aire limpo

Respecto ás emisións de gases de efecto invernadoiro, minguaron 36% con respecto a 1990, lonxe aínda do obxectivo de 65% que se debería acadar en 2030 para estarmos na senda de cumprimento do Acordo de París, apuntan desde o OGACLI.

Considerando individualmente os contaminantes, destaca o descenso en 98% das emisións de óxidos de xofre e en 59% das de monóxido de carbono. Pola contra, medraron as emisións de metano e de amoníaco, 8% e 5%, respectivamente.

Tecnoloxía e transición enerxética

O informe do OGACLI destaca que detrás destas melloras nas emisións están os avances tecnolóxicos e o proceso de transición enerxética cara sistemas de renovables. Neste senso, apuntan como principal causa do descenso durante as últimas décadas á substitución do carbón na xeración eléctrica e melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e centrais de carbón.

O sector que máis contribuíu no noso país á diminución das emisións á atmosfera foi o enerxético. As súas emisións de gases acidificantes descenderon 99%; as de precursores do ozono, 91%, e as de gases causantes de cambio climático, 78%, sempre en relación aos valores de 1990. Ademais, reduciu as emisións de partículas finas 95% entre 2000 e 2020.

Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é na actualidade a maior fonte de contaminantes atmosféricos.

O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2020 a principal fonte de gases acidificantes (59% das emisión totais), mentres que o transporte e a maquinaria móbil liderou as emisións de gases precursores do ozono malo (41%). No tocante ás partículas finas, a combustión non industrial (principalmente doméstica) foi a maior fonte (42%).

Respiramos aire sucio

A diminución xeral das emisións de contaminantes atmosféricos axudou a reducir as concentracións de contaminantes no aire que respiramos (niveis de inmisión). Porén, sinalan desde o Observatorio, «toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde, segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis esixentes que a normativa legal en vigor. Isto é debido principalmente aos niveis excesivos de partículas finas e de ozono troposférico que, en diversa medida, afectan tanto a Galicia urbana como a rural».

Toda a poboación galega respira aire nocivo para a saúde

Así, conclúen, «tanto para mellorarmos a calidade do aire como para combatermos a emerxencia climática, urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais».

A torre da central térmica de Meirama xa é historia

A torre da central térmica de Meirama xa é historia

Central térmica de Meirama antes após o derrubamento da torre de refrixeración / Xoán Roberes.

Pasadas as tres e dez da tarde deste mércores, 21 de decembro, Cerceda perdía para sempre un dos seus referentes industriais. En cuestión de segundos, a torre de refrixeración da central térmica de Meirama, propiedade de Naturgy, desaparecía entre unha densa nube de po.

A demolición realizouse cunha voadura controlada que tamén afectotou os silos da central térmica, fechada no verán de 2020 para dar paso a varios proxectos industriais, entre eles unha planta de biometanización e un ‘hub’ de hidróxeno verde.

A operación, segundo apuntaron fontes da eléctrica, levouse a cabo «coas máximas medidas de seguridade, o mínimo impacto ambiental e cun cumprimento rigoroso da normativa vixente».

A torre, que tiña como función arrefriar a auga dos circuítos da central, tiña unha altura de aproximadamente 126 metros e o seu diámetro na base era de 72 metros e de 48 metros en coroación. A construción de formigón armado estaba sustentada sobre 54 piares en ‘V’ e representaba un volume duns 648.000 m3 e un peso de máis de 10.000 toneladas.

A demolición da torre de refrixeración e dos silos de cinzas, de 34 e 44 metros respectivamente, requeriu dos pertinentes avisos previos ás autoridades competentes. Igualmente, comprobouse a ausencia de niños de aves, así como doutras especies que puidesen verse afectadas. A principal medida de seguridade foi a evacuación das persoas da zona delimitada por un perímetro de seguridade de 250 metros.

Unha vez realizada a voadura, estímase que se recuperarán, mediante reciclaxe, unhas 155 toneladas de ferro e 10.000 toneladas de formigón da torre de refrixeración e 5.500 toneladas de formigón e 470 toneladas de ferro dos silos de cinzas.

Esta actuación forma parte do proceso de desmantelamento da central térmica, cuxo proxecto foi presentado en xuño de 2019 ante o Ministerio de Transición Ecolóxica. Nel se recollía a demolición selectiva das instalacións, un procedemento que permite rendibilizar no posible os materiais susceptibles de reciclaxe e xera un menor impacto ambiental que o que produce unha demolición convencional.